• Os populares critican que as instalacións permanecesen pechadas en días nos que os estudantes precisan espazos de estudo
• Rafael Rivadulla acusa ao goberno local de incumprir as mesmas reivindicacións que o BNG defendía cando estaba na oposición
O Partido Popular de Arzúa denunciou hoxe a situación da Biblioteca Municipal, que considera unha mostra máis do abandono do Concello e da falta de xestión do goberno tripartito que dirixe Xoán Xesús Carril.
Os populares critican especialmente que, en plena época de exames universitarios e de oposicións, a biblioteca non estea a ofrecer un servizo acorde ás necesidades dos usuarios. O pasado 19 de xuño as instalacións non puideron ser utilizadas polos seus usuarios habituais ao ser destinadas á realización dun proceso selectivo para unha praza de emprego público.
Ademais, este martes 23 de xuño, pese a tratarse dun día laborable, a biblioteca permaneceu pechada.
Desde o PP lembran que o horario actual xa resulta insuficiente para moitos estudantes, limitándose de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados unicamente de 10:00 a 13:00 horas.
O portavoz popular, Rafael Rivadulla, considera que “é incomprensible que nun momento no que moitos mozos e veciños preparan exames universitarios, oposicións ou probas de acceso, o Concello non sexa capaz de garantir un servizo estable e adaptado ás súas necesidades”.
“Os estudantes necesitan espazos de estudo accesibles e horarios amplos. O que non pode ocorrer é que cheguen á biblioteca e a atopen pechada, porque ao final os veciños son os que pagan as consecuencias da falta de planificación do goberno municipal”, engadiu.
Desde o PP destacan ademais a contradición que supón a actitude actual do alcalde. Lembran que no Pleno ordinario do 7 de xaneiro de 2020, cando Xoán Xesús Carril era concelleiro da oposición polo BNG, reclamou expresamente que se respectasen os horarios da biblioteca municipal, chegando a afirmar que “é triste que chegue a xente á porta e estea pechado”.
Para os populares, o sucedido este pasado 23 de xuño demostra que quen antes esixía responsabilidades agora non é capaz de garantir aquilo que reclamaba.
“Estamos diante dun novo exemplo das prioridades equivocadas deste goberno. Cando estaban na oposición organizaban campañas, presentaban críticas e mesmo impulsaban recollidas de firmas porque consideraban insuficiente o servizo da biblioteca. Agora que gobernan fan exactamente o mesmo que denunciaban”, sinalou Rafael Rivadulla.
O PP tamén lembra que xa no ano 2019 o BNG criticara duramente ao daquela goberno municipal pola falta de respecto dos horarios da biblioteca e pola ausencia dun servizo compatible coas necesidades dos estudantes en épocas de exames.
Por este motivo, os populares esixen explicacións tanto ao alcalde, Xoán Xesús Carril, como ao responsable político da biblioteca, o concelleiro Miguel Ángel Vallo Camba, dependente da área de Cultura que dirixe José Luis García López.
“Non estamos falando dun luxo nin dun capricho. Estamos falando dun servizo básico para a formación, o estudo e a igualdade de oportunidades. O mínimo que se lle pode pedir a un goberno responsable é que cumpra cos horarios anunciados e que adapte o servizo ás necesidades reais dos veciños”, concluíu o portavoz popular.
Desde o Partido Popular de Arzúa reclaman unha revisión inmediata dos horarios da Biblioteca Municipal e a adopción das medidas necesarias para evitar novos peches que prexudiquen aos estudantes e usuarios habituais das instalacións.

