Rafael Rivadulla critica que o goberno presuma dun remanente de 1,82 millóns mentres deixa obras sen facer e acumula facturas pendentes de pagamento.
O Partido Popular de Arzúa denuncia a deficiente xestión económica do goberno tripartito tras analizar a liquidación do orzamento municipal de 2025, aprobada por decreto de Alcaldía o pasado 30 de outubro, oito meses despois do prazo legal.
Desde o PP consideran que o goberno tentará presentar como un éxito o resultado orzamentario axustado de 903.034 euros e un remanente de tesouraría de 1,82 millóns. Porén, estas cifras esconden unha realidade ben distinta: o Concello pechou o exercicio con case 3 millóns de euros de crédito sen gastar.
«Non se pode presumir de ter cartos no banco cando non se é quen de executar as obras previstas, prestar os servizos que necesitan os veciños e cumprir coas obrigas de pagamento. Ese remanente non é froito do aforro, senón dunha preocupante incapacidade para executar o orzamento», sinala Rafael Rivadulla, voceiro do PP de Arzúa.
Un dos datos máis preocupantes é que quedaron sen executar 1.490.309 euros do capítulo de investimentos, o 44,49 % do orzamento definitivo. Ademais, das transferencias de capital previstas por 3,63 millóns de euros, só se recoñeceron dereitos por preto dun millón.
A liquidación tamén evidencia falta de planificación: o goberno realizou modificacións de crédito por máis de 5,19 millóns de euros, un 85 % sobre o orzamento inicial, mentres incrementaba o gasto corrente en 1,43 millóns e deixaba sen executar máis de 457.000 euros en persoal.
A xestión diaria tampouco sae mellor parada. Os dereitos pendentes de cobro duplicáronse ata os 598.112 euros, con 378.386 euros en taxas e prezos públicos sen recadar. Ao mesmo tempo, malia contar con máis de 2,16 millóns nas contas bancarias, quedaron 646.068 euros do orzamento corrente pendentes de pagamento.
«Non ten sentido manter máis de dous millóns de euros no banco mentres se acumulan facturas, obras e subvencións pendentes de pagamento. Detrás destas cifras hai empresas, asociacións e veciños que esperan cobrar», apunta Rivadulla.
Por último, o PP denuncia que o decreto fai referencia aos cálculos de estabilidade orzamentaria e regra de gasto, pero os correspondentes informes non figuran no expediente. Os populares esixen a súa entrega inmediata, así como unha relación detallada dos investimentos que quedaron sen executar e das posibles consecuencias sobre as subvencións doutras administracións.
«Arzúa necesita un goberno que xestione, planifique e cumpra os seus compromisos. Non abonda con aprobar orzamentos e presumir despois dos cartos que quedaron sen gastar. O importante é que eses recursos se convertan en obras e melloras reais para os veciños», conclúe o voceiro popular.

