HomeA CoruñaO PP de Culleredo traslada á Xunta as demandas dos veciños para...

O PP de Culleredo traslada á Xunta as demandas dos veciños para mellorar o servizo de bus en Vallesur e As Oliveiras

- Anuncio -spot_img

• Solicitan a incorporación dunha nova parada con dúas frecuencias no roteiro entre Canzobre e A Coruña

• Tamén exporían á Compañía de Tranvías unha revisión dos horarios da liña 24 para adaptalos ás necesidades das urbanizacións

O Partido Popular de Culleredo trasladou á Xunta de Galicia as demandas formuladas pola Asociación de Veciños de Vallesur e As Oliveiras, situadas na parroquia de Orro, en relación coa necesidade de mellorar o servizo de transporte público que conecta esta zona coa cidade da Coruña. Estas peticións xurdiron durante o encontro celebrado fai tres semanas en Orro, dentro do marco da campaña “Rúa a rúa, escoitando”, mediante a cal o PP está a percorrer as parroquias do municipio para coñecer de primeira man as preocupacións da cidadanía.

Como consecuencia desa reunión, o Grupo Municipal Popular solicitou á Dirección Xeral de Mobilidade que avalíe a posibilidade de incorporar unha nova parada na liña de autobús que conecta Canzobre (Arteixo) coa estación de autobuses da Coruña, con dúas posibles frecuencias: unha pola mañá e outra pola tarde. Segundo a proposta presentada, os horarios serían ás 10:20 h pola mañá e ás 19:20 h pola tarde, en ambos os casos dando servizo ás urbanizacións de Vallesur e As Oliveiras. Actualmente, esta petición atópase pendente de resolución por parte da Xunta.
“Desde o PP de Culleredo fixemos chegar esta solicitude ás autoridades competentes e confiamos en que se valore positivamente, xa que cremos que supoñería unha mellora notable para moitas persoas que viven en zonas con menos servizos”, sinala Izaskun García, portavoz do Grupo Popular. “Estamos a traballar con responsabilidade e proximidade, sempre atentos ás demandas reais dos nosos veciños. Esperamos que estas propostas sexan escoitadas e atendidas”, engade.

Ademais, trasladarase tamén á Compañía de Tranvías a petición veciñal de revisar e axustar os horarios da liña 24, que une a praza de Pontevedra, no centro da Coruña, coa Zapateira. O obxectivo sería adaptar este roteiro ás necesidades específicas dos residentes de Vallesur e As Oliveiras, mellorando así a conexión do transporte público con estas urbanizacións.

Con estas accións, o PP de Culleredo reafirma o seu compromiso de actuar como canle entre os veciños e as administracións, esperando que as súas reivindicacións sexan tidas en conta e materialícense en melloras reais para a comunidade.

Publicacións Relacionadas