O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno de xuño unha iniciativa para reclamar un mantemento activo, continuado e rigoroso da Alameda e denunciar o progresivo deterioro dun dos espazos máis emblemáticos de Santiago.
Gumersindo Guinarte advirte de que o Goberno de Goretti Sanmartín está permitindo a “perda de esplendor” da Alameda e critica a falta de planificación e conservación nun Ben de Interese Cultural clave para a cidade.
Marta Abal rexeita que a demora na aprobación do Plan Director sirva de escusa para non actuar e reclama intervencións inmediatas ante a maleza, a sucidade e o deterioro de elementos patrimoniais como o Palco da Música ou a fonte de mármore.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, e a concelleira socialista Marta Abal denunciaron esta mañá o estado de abandono que presenta a Alameda compostelá e anunciaron que o grupo socialista levará ao pleno deste mes unha iniciativa para reclamar un mantemento activo, continuado e rigoroso dun dos espazos máis emblemáticos de Santiago. Ambos advertiron de que a demora na aprobación do Plan Director non pode servir de escusa para deixar deteriorar un Ben de Interese Cultural que forma parte da identidade da cidade.
Guinarte lembrou que o conxunto da Alameda, integrado polo Campo da Estrela, a Carballeira de Santa Susana, o Paseo da Ferradura e a explanada de San Clemente, está declarado Ben de Interese Cultural e representa “un orgullo colectivo” para a veciñanza. Porén, advertiu de que son “cada vez máis frecuentes” as queixas pola “falta de mantemento” e pola “situación de perda de esplendor” que sofre este espazo.
Pola súa banda, a concelleira Marta Abal criticou que o Goberno municipal pareza instalado na idea de que “non se pode facer nada na Alameda mentres non estea aprobado o Plan Director”, unha interpretación que cualificou de errónea. Segundo explicou, ese documento está chamado a definir “a Alameda do futuro”, pero iso “ten que compaxinarse co mantemento do día a día deste espazo tan emblemático para Santiago”.
Neste sentido, Abal advertiu de que “non se están a executar todas as tarefas de mantemento e conservación que son posibles e esixibles” dentro do actual contrato municipal de conservación das zonas verdes e lembrou que este remata o próximo 31 de agosto sen que, polo momento, exista información sobre unha nova licitación, o que podería provocar que “un contrato tan importante entre novamente en precario”.
As e os socialistas denunciaron que, máis alá das zonas de maior tránsito, a realidade da Alameda é ben distinta. Segundo expuxeron durante a comparecencia, existen sendeiros invadidos pola maleza, escaleiras nas que a vexetación ocupa os chanzos, noiros sen desbrozar e sebes “sen podar en toda a Alameda”, situacións que transmiten “unha imaxe de desleixo impropia dun espazo destas características”.
Guinarte chamou tamén a atención sobre o estado dos estanques e das fontes, con “suciedade, lixo, presenza de verdín e mesmo chafarices que non funcionan”, malia tratarse de elementos cuxa limpeza está expresamente incluída nas obrigas do contrato municipal. O portavoz socialista puxo ademais como exemplo do abandono a aparición de “varias pombas mortas sen retirar”, unha imaxe que, ao seu xuízo, “non necesita moita explicación”.
A denuncia dos socialistas esténdese igualmente ao deterioro doutros elementos da Alameda, como os paneis informativos con pintadas ou a desaparición da sinalización sobre especies vexetais, exemplos que contribúen a proxectar unha imaxe de abandono impropia dun espazo destas características.
No ámbito patrimonial, Marta Abal alertou de que hai actuacións que “non poden seguir esperando”, independentemente da tramitación do Plan Director. A concelleira sinalou que casos como o da igrexa de Santa Susana ou o deterioro doutros elementos históricos requiren intervencións inmediatas para evitar danos maiores no futuro.
Entre os exemplos citados, destacou o estado do Paseo dos Leóns, onde as esculturas aparecen “parcialmente cubertas pola vexetación e polas silveiras”, así como a fonte de mármore da Alameda, que permanece “sen auga, sen funcionar” e con claros síntomas de falta de limpeza. Tamén advertiu da presenza de vexetación sobre a cuberta do Palco da Música, unha estrutura de madeira na que, segundo explicou, “se non se limpa” e “se non se conserva”, acabarán producíndose danos que obrigarán a reparacións moito máis custosas.
“O que imos solicitar no pleno é algo moi sinxelo, pero moi necesario”, concluíu Abal, reclamando que o Goberno municipal exerza “dunha vez por todas un mantemento activo, continuado e rigoroso deste espazo mentres se completa a tramitación do Plan Director”. Porque, engadiu, “non se trata de escoller entre planificar o futuro e coidar o presente”, senón de “facer as dúas cousas ao mesmo tempo”.

