O Servizo Municipal de Conciliación atende este verán a 125 nenos

Redacción

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais visitaron aos participantes nas istalacións do CEIP Otero Pedrayo.

O Concello continúa facilitando durante o verán a conciliación da vida persoal, laboral e familiar co servizo municipal Vacacións, integrado no Programa Harmoniza. Nesta época cóntase con 125 nenos inscritos, rexistrándose unha asistencia media diaria de arredor dos 80 usuarios.

O servizo préstase nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo de luns a venres, en horario de 7:00 a 14:15 horas, adaptándose así ás necesidades de cada familia.

Os participantes, de entre 3 e 12 anos, están atendidos por monitoras especializadas en educación infantil e distribúense en dous grupos segundo a idade, o que permite adaptar as actividades ás características e necesidades de cada etapa. Ao longo de cada xornada realizan propostas educativas, culturais, deportivas e recreativas que favorecen a aprendizaxe, a socialización e o desfrute do tempo de lecer nun entorno seguro. Ademais, os nenos que o solicitaron dispoñen de servizo de almorzo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, visitaron hoxe aos rapaces para comprobar de primeira man o desenvolvemento das actividades e compartir con eles parte da mañá.

O servizo Vacacións forma parte do compromiso do Concello con ofrecer facilidades para a conciliación da vida persoal e laboral das familias do municipio, ofrecéndolles unha alternativa tamén durante os períodos non lectivos que contribúe a facilitar a compatibilidade entre as responsabilidades profesionais e o coidado dos menores.

O Programa Harmoniza continuará durante o curso escolar co servizo Madruga, dispoñible desde as 7:00 horas nos tres centros de educación infantil e primaria do municipio. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de xullo.

Ademais, tamén se ofrece o servizo Canguraxe, dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade. Este recurso ofrece atención e coidados nos domicilios para dar resposta a necesidades puntuais de conciliación, sen carácter estable nin prolongado no tempo.

As persoas empadroadas no termo municipal da Laracha interesadas en beneficiarse de calquera dos servizos do Programa Harmoniza poden obter máis información ou formalizar a inscrición no Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no Edificio Administrativo da Laracha.

Comparte este artigo