• Aos campamentos de Semana Santa súmanselle novas propostas de lecer, deporte ou solidarias.
• A alcaldesa, Ana María López, destaca que “traballamos para ofrecer unha proposta variada, accesible e de calidade que dinamice o municipio”.
O Concello de Cariño presenta unha completa programación de actividades para a Semana Santa 2026, reforzando a súa aposta pola dinamización do municipio a través de propostas que combinan deporte, natureza, solidariedade e lecer educativo. Unha iniciativa impulsada polo propio Concello en colaboración con asociacións locais, pensada tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
A alcaldesa, Ana María López, destacou o papel do Concello na organización desta programación, sinalando que “traballamos para ofrecer unha proposta variada, accesible e de calidade, que dinamice Cariño en datas crave como a Semana Santa e que poña en valor todo o que o noso municipio pode ofrecer”.
O programa inclúe iniciativas para todos os públicos, como unha xornada de calistenia o sábado 28 de marzo no parque de calistenia a partir das 11.00 horas, así como a celebración do XVII Torneo de Semana Santa de Fútbol 8, que terá lugar do 2 ao 5 de abril e reunirá a máis de 700 mozos deportistas no campo de fútbol municipal.
A iso súmanse os roteiros guiados ‘Cariño #Camiña 2026’, organizadas polo Concello os días 3, 4 e 5 de abril, que permitirán descubrir distintos enclaves da contorna natural do municipio. Realizaranse os roteiros Fornela-Miranda-Herbeira, dos Fentos e Cariño Marineiro, con inscricións abertas no 669 60 53 09.
A vertente solidaria estará presente cunha comida benéfica contra o cancro o sábado 4 de abril na Praza Roxa, promovida pola Asociación Contra o Cancro, nunha xornada que combinará convivencia e compromiso social. A comida terá un prezo de 25 euros por persoa e dará comezo a partir das 13.00 horas.
Ademais, cabe lembrar que o Concello de Cariño conta para a próxima semana cos campamentos de Semana Santa para facilitar a conciliación familiar. A proposta municipal está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril no CEIP Manuel Fraga Iribarne.

