Do equipo participan catro entidades: Concello de Ortigueira, ASPROMOR, Club de Remo Celeiro e Remo Revolución.
O equipo paralímpico de Remo do Norte de Galicia comezará a navegar proximamente pola ría de Ortigueira tras a entrega dunha embarcación este pasado luns. O Club de Remo Celeiro cedeu unha embarcación á asociación ASPROMOR nun acto que permite iniciar a preparación dos deportistas na zona.
Esta nova etapa de adestramentos céntrase en fomentar o exercicio físico saudable e o contacto coa contorna natural, abrindo ademais a porta á participación en futuras competicións marítimas. O proxecto é o resultado da colaboración técnica e administrativa de catro entidades: ASPROMOR, o Concello de Ortigueira, o propio Club de Remo Celeiro e Remo Revolución.
A concelleira de Deportes, Isabel Rego, explicou que a incorporación desta embarcación é o paso necesario para que os “remeiros do equipo paralímpico poidan desenvolver a súa actividade directamente na auga”. Segundo a edil, o obxectivo do Concello é “facilitar que estes deportistas conten cos recursos necesarios para adestrar en igualdade de condicións”, aproveitando as posibilidades que ofrece a ría tanto para a saúde como para a competición.

