Os clubs bergondeses exhiben o seu potencial no III Día do Deporte

Redacción
Lectura mínima de 2

· Durante a xornada, celebrada no albergue de Gandarío e na praia, houbo exhibicións e as persoas asistentes probaron diferentes disciplinas deportivas.

O III Día do Deporte de Bergondo estase desenvolvendo con gran éxito no Albergue e a praia de Gandarío. Ao longo desta xornada chea de enerxía e participación, decenas de veciños e veciñas de todas as idades están a desfrutar dunha ampla variedade de actividades deportivas e coñecendo en profundidade o labor e o desempeño dos clubs bergondeses.

A mañá comezou con moito entusiasmo, e os espazos habilitados enchéronse de nenos, mozos e familias para participar nas diferentes propostas do evento. Actividades como a escalada, o tiro con arco, o fútbol praia, o vóley praia ou os kaiaks, os xogos populares ou deportes alternativos como o goalball ou o kin-ball están a ter unha notable participación. A entrega de selos por cada actividade realizada está a motivar aos asistentes, que se esfuerzan por completar o percorrido e obter o seu merecido premio.

Ademais, ao longo do día, as persoas asistentes poden desfrutar das exhibicións preparadas polas entidades deportivas colaboradoras. Nesta terceira edición participan o Club Rítmica Ausarta, o Club Atlético Bergondo (CAB), o Club Ciclista Skapaos, o CB Bergondo, o APA “As Mariñas” do CPI Cruz do Sar, o Club de Salvamento SASA e o APA As Escoliñas.

Desde as 14.00 horas tivo lugar unha degustación para aquelas persoas que recolleron a súa ticket na Casa da Cultura, un momento ideal para repoñer forzas antes de continuar coas actividades da tarde.

O Concello de Bergondo agradece a colaboración das entidades deportivas e da Xunta de Galicia, así como a implicación das familias e do voluntariado que están a facer posible unha xornada tan especial. Lembramos que o día finalizará ás 18.00 horas cun gran sorteo de agasallos, polo que animamos a todos e todas a quedarse e seguir desfrutando deste día inesquecible.

Comparte este artigo