O Concello de Oleiros continúa a realizar as distintas excursión programadas do “Ven e Descubre”. Nesta ocasión foi un grupo de veciños e veciñas das parroquias de Iñás e Nós os que se desprazaron ata Lalín. Baixo o título “Terra de astrónomos”, a excursión cultural afondou no singular vínculo que une o quilómetro cero de Galicia coa observación do universo, deseñando unha viaxe onde a aprendizaxe compartida e o lecer foron da man.
A ruta centrouse na visita ao Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa, a propia casa do científico lalinense onde hoxe conviven o seu legado e a obra de Laxeiro. Os asistentes puideron coñecer de preto os fitos de Aller, considerado o pai da astronomía moderna en Galicia.
A viaxe continuou co descubrimento de Laxeiro. As persoas participantes analizaron a colección permanente que o pintor Xosé Otero Abeledo “Laxeiro” doou á súa vila natal e descubriron como a súa estreita amizade con Ramón María Aller e a fascinación pola carreira espacial dos anos 50 e 60 influíron na súa pintura.
Máis aló do gran peso cultural , científico e itinerario, o obxectivo prioritario da xornada foi o impulso do envellecemento activo a través do equilibrio entre a mente e a emoción. A ruta concibiuse como unha verdadeira xornada de convivencia onde o máis importante foi o encontro e a oportunidade de compartir experiencias vitais. Os participantes desfrutaron de intensos momentos de intercambio de coñecementos, debatendo sobre ciencia e arte, pero tamén necesarios momentos de diversión, risas e lecer fóra da rutina diaria.
O Goberno municipal considera que expoñer a mente a temáticas complexas estimula a axilidade mental e a autoestima, pero é o compoñente lúdico e afectivo de compartir intres en comunidade o que realmente combate o illamento social, enchendo de vitalidade aos maiores e fortalecendo os lazos afectivos.

