HomeA CoruñaA CoruñaOs paneis luminosos de Oleiros denuncian novamente o terrorismo xenocida do Goberno...

Os paneis luminosos de Oleiros denuncian novamente o terrorismo xenocida do Goberno de Israel

- Anuncio -spot_img

O Concello de Oleiros iniciou este mediodía unha campaña de denuncia do terrorismo xenocida que Israel está a practicar en Gaza e Cisxordania sen que a comunidade internacional se inmute. Durante os vindeiros días os paneis luminosos difundirán exclusivamente esta información para concienciar a toda a cidadanía ante a extrema atrocidade e o horror que está a causar o Goberno presidido Benjamin Netanyahu.

Desde outubro do 2023, un dos exércitos mellor equipados do mundo ataca de maneira indiscriminada hospitais, escolas, edificios residenciais, campamentos de refuxiados, destacamentos de ONG… É un exterminio de persoas sen filtros de ningún tipo, no que os nenos e nenas están a sufrir a peor parte. A crueldade do Goberno israelí é tal que non permiten a entrada nin de alimentos nin de medicamentos para matar de fame e de enfermidades aos que non caen a bombazos.

Esta horripilante invasión militar está a contar co beneplácito da O.N.U. e da maioría dos Gobernos democráticos de Occidente, que nos feitos apoian ao Estado de Israel. Os líderes políticos e diplomáticos mundiais levan meses exercendo de títeres e lacaios dos amos do mundo. Só agora, cando a devastación xa é total e se albisca a operación final israelí, empezan a escoitarse tímidas denuncias por parte dalgúns dirixentes. Intentan limpar conciencias e currículums, sabedores de que a historia non os absolverá.

O certo é que as febles condenas de tan deleznables feitos chegan tarde, moi tarde, para os milleiros de asesinados e feridos, así como para os que o perderon todo -co pouco que xa tiñan-. Aínda que o intenten ocultar, os autoproclamados defensores da democracia e dos dereitos humanos no mundo fixeron caixa vendendo inxentes cantidades de armas que causaron a morte e a destrución total de Gaza.

O Goberno corrupto de Netanyahu leva xa moitos meses asasinando impunemente, pero para Israel non se decretan bloqueos económicos nin comerciais, cos que os países occidentais si castigan á poboación de Estados con gobernos non afíns. A axuda humanitaria prestada á poboación de Gaza foi ridícula e non houbo nin o máis mínimo intento de prestar o apoio militar que precisaban os 2 millóns de palestinos para defenderse da masacre.

Publicacións Relacionadas