O candidato socialista á Alcaldía de Santiago defendeu a necesidade de poñer a vida dos santiagueses no centro das políticas públicas e subliñou que “primeiro quero escoitar, coñecer o que pasa e, a partir de aí, construír propostas coa veciñanza. Porque un Santiago con futuro ten que nacer da súa xente”
Entre as cuestións abordadas, analizaron as alegacións ao Plan Especial da Cidade Histórica, a demora na municipalización do aparcadoiro de Praza de Galicia, o papel do comercio local ou a necesidade de recuperar vivendas baleiras, entre outras
O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, mantivo unha xuntanza coa Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca no marco de #ConversasDeBarrio, a iniciativa coa que está a percorrer os barrios e parroquias da cidade para escoitar as necesidades da veciñanza antes de definir as súas propostas para o proxecto de Compostela. “Primeiro quero escoitar, coñecer o que pasa e, a partir de aí, construír propostas coa veciñanza. Escoitar para acertar”, subliñou.
Neste senso, Pedro Blanco, acompañado da concelleira socialista Marta Abal, defendeu a necesidade de poñer a vida da veciñanza no centro das políticas para a cidade histórica e de “avanzar cara a un casco histórico no que sexa posible vivir, traballar e desfrutar”. “Se queremos un casco vello vivo, temos que garantir que haxa xente que poida vivir nel”, sinalou. “Precisamos máis vivenda, comercio local e servizos pensados tamén para quen vive aquí todos os días”.
Durante a reunión, os representantes do colectivo trasladaron as súas principais preocupacións sobre o día a día das persoas que viven no casco vello de Santiago. Entre as cuestións abordadas, analizaron as alegacións ao Plan Especial da Cidade Histórica, a demora na municipalización do aparcadoiro de Praza de Galicia, o papel do comercio local ou a necesidade de recuperar vivendas baleiras, entre outras.
O encontro forma parte de #ConversasDeBarrio, coa que o candidato socialista á Alcaldía de Santiago está a desprazarse aos barrios para reunirse co tecido social de Santiago baixo unha premisa: “levantar Santiago desde os barrios”. O obxectivo, explicou, é coñecer de primeira man as necesidades de cada zona para, posteriormente, regresar á veciñanza con iniciativas e medidas concretas e adaptadas á realidade de cada barrio. “Porque un Santiago con futuro ten que nacer da súa xente”, concluíu.

