Pedro Blanco: “Estou convencido de que imos levantar Santiago desde os barrios”

Redacción

O candidato socialista á Alcaldía inicia #ConversasDeBarrio, unha iniciativa co obxectivo de “escoitar para acertar” que percorrerá os barrios de Compostela para coñecer as súas necesidades e construír “un proxecto barrio a barrio”

“Quero devolverlles o protagonismo que merecen e que os barrios sexan a capital desta cidade”, asegura Pedro Blanco que defende a necesidade de contar coa experiencia de quen vive e traballa cada día nos distintos puntos da cidade

As propostas que xurdan desta primeira fase serán presentadas posteriormente nos propios barrios para contrastalas cos colectivos e entidades, melloralas e incorporalas ao traballo socialista

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou hoxe #ConversasDeBarrio, unha iniciativa de escoita directa coa que percorrerá os diferentes barrios da cidade para coñecer de primeira man as súas necesidades, preocupacións e oportunidades e incorporar ese coñecemento ao seu proxecto de cidade. “Quero levantar Santiago desde os barrios. Quero devolverlles o protagonismo que merecen e que os barrios sexan a capital desta cidade”, afirmou Pedro Blanco, que defende a necesidade de construír o futuro de Compostela contando coa experiencia de quen vive e traballa cada día nos distintos puntos da cidade.
Por iso, #ConversasDeBarrio combinará encontros con asociacións, entidades e colectivos coa presenza directa de Pedro Blanco nas rúas de cada barrio. “Imos reunirnos cos colectivos, falar coa veciñanza, patear as rúas, tomar un café, comer no barrio, achegarnos aos centros sociais e coñecer os espazos onde se fai vida cada día. Queremos vivir cada barrio e estar con cada colectivo”, explicou.
O obxectivo é coñecer os problemas cotiáns, as demandas e as necesidades de cada zona, pero tamén as súas fortalezas e oportunidades. “Ninguén entende mellor un barrio que as persoas que viven nel”, sinalou Pedro Blanco.
Esta primeira fase terá como prioridade escoitar e recoller o sentir da cidade. A partir das conversas e encontros, o equipo socialista definirá propostas concretas para cada barrio. “Escoitar para acertar. Esa é a idea que queremos aplicar. Primeiro queremos coñecer, despois propoñer”, afirmou o candidato.
Pedro Blanco explicou que as #ConversasDeBarrio non rematarán coa primeira visita. Unha vez definidas as propostas, volverán aos barrios para presentalas, contrastalas coa veciñanza e cos colectivos, escoitar novas achegas e melloralas.

“Non queremos facer un proxecto para os barrios. Queremos facer un proxecto cos barrios. E por iso imos volver, porque queremos que as propostas respondan realmente ao que necesita cada zona”, destacou. Deste xeito, o obxectivo é construír “un proxecto de cidade barrio a barrio”, no que cada zona da cidade teña protagonismo e propostas adaptadas ao seu contexto.
Unha conversa con todo o tecido social
A iniciativa complétase con encontros con representantes do tecido social, empresarial, educativo, deportivo, cultural e asociativo de Santiago. “Queremos estar con todos e queremos escoitar a todos”, afirmou Pedro Blanco, que considera imprescindible incorporar diferentes visións para impulsar un proxecto de cidade compartido. Neste sentido, defendeu que a participación da cidadanía debe ir máis alá de ser consultada: “Queremos que a cidade se sinta parte deste proxecto e que participe na súa elaboración, porque o éxito deste proxecto será o éxito de todos”.
Pedro Blanco avanzou que, pouco a pouco, se irán dando a coñecer os proxectos e iniciativas que xurdan destas conversas. “Non queremos anunciar propostas pechadas. Queremos presentar iniciativas traballadas, consolidadas e construídas a partir do que nos diga a cidade”, explicou.
Primeira xornada: IGAXES e Triatlón Inforhouse
A primeira xornada de #ConversasDeBarrio comezou pola mañá cun encontro con IGAXES, no que Pedro Blanco acompañado dos concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte, coñeceu de primeira man o traballo da entidade e as súas propostas e necesidades en materia social dirixidas á mocidade e xuventude. Xa pola tarde, Pedro Blanco manterá un encontro co Club Triatlón Inforhouse Santiago, para escoitar as súas demandas e preocupacións. Nos próximos días terá reunións con colectivos veciñais coa vontade de coñecer a realidade de cada zona de Santiago.

Comparte este artigo