Abre o prazo para a presentación de solicitudes no concurso para a adxudicación de 29 novas licenzas de taxi

Redacción

Desde este martes está aberto o prazo para a presentación de solicitudes no concurso para a adxudicación de 29 novas licenzas de taxi, unha vez publicadas onte as bases reguladoras do procedemento no Boletín Oficial da Provincia. Todas as licenzas serán para vehículos adaptados para personas con mobilidade reducida, se ben non serán de uso exclusivo para estes usuarios e usuarias. As persoas interesadas deben facer a solicitude ata o 18 de setembro.

Este é o primeiro concurso para a adxudicación de novas licenzas de taxi que o Concello de Santiago convoca desde 1998, e permitirá que a capital galega chegue a unha rota de 173 taxis. As solicitudes, segundo o formulario específico MO046, deberán axustarse a estas bases e presentaranse preferentemente por medios electrónicos, a través do trámite da sede electrónica “Adxudicación de licenzas de autotaxi e de transporte lixeiro de mercadorías”, ou no seu defecto, presencialmente no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela ou por calquera dos medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Cada persoa só poderá presentar unha única solicitude para a obtención dunha única licenza, cun canon fixado en 88.000 euros atendendo a un estudo que avalía tanto os gastos como os ingresos que xeraría a licenza, e que recolle que os prezos medios do traspaso de licenzas en Santiago situouse nos últimos anos entre 140.000 e 150.000 euros.

Para acceder a unha nova licenza de taxi deberase acreditar a titularidade do vehículo de turismo en calquera réxime de utilización xuridicamente válido, e o seu cumprimento dos requirimentos técnicos esixibles. Asimesmo, será preciso dispor da capacitación profesional para prestar servizos de taxi, mediante a obtención do debido certificado de aptitude profesional expedido polo Concello de Santiago. O departamento de Mobilidade convocará e resolverá as probas pertinentes antes de remitirlle á Xunta a memoria municipal sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular da licenza.

Quedarán excluidas as solicitudes das personas que sexan titulares de máis de dúas licenzas de taxi no municipio de Santiago, e aquelas que efectuaran a transmisión doutra licenza nos cinco anos inmediatamente anteriores a esta convocatoria.

Criterios de valoración

Para a valoración das solicitudes, atendendo ao establecido na Lei do Taxi de Galicia, establécense diferentes criterios de cualificación. Outorgaránse ata 50 puntos pola antigüidade da persoa solicitante como condutor ou condutora asalariada de taxi con dedicación exclusiva (2 puntos por cada ano ou fracción superior a 6 meses); e ata 35 puntos pola antigüidade como titular dunha licenza de taxi (1 punto por cada ano ou fracción superior a 6 meses). Ademais, valorarase especialmente o compromiso ambiental na elección dos vehículos para a prestación do servizo, de maneira que a adscrición dun vehículo con certificación enerxética de “0 emisións” suporá a obtención de 15 puntos, e se o vehículo é “Eco”, concederanse 10 puntos.

En caso de empate na puntuación, darase preferencia ás puntuacións máis altas obtidas nos apartados de condutor/a asalariado/a e antigüidade como condutor/a.

Procedemento de adxudicación

A selección e adxudicación das licenzas, tal e como establece a lei, debe atender a un procedemento coordinado entre a administración local e autonómica. Así, con carácter previo á resolución do concurso, o Concello deberá remitir á Xunta de Galicia a documentación das persoas seleccionadas, para que a administración autonómica emita un informe vinculante sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular de autorizacións interurbanas de taxi. Unha vez emitido ese informe, o Concello resolverá o concurso e adxudicará as licenzas de taxi e a Xunta outorgará de maneira automática a autorización interurbana.

O Concello constituirá unha comisión de valoración encargada de cualificar toda a documentación presentada polas persoas solicitantes. Tras a finalización do prazo de presentación de solicitudes, cualificarase a documentación presentada e, se fora preciso, requirirase que se complete ou se emende no prazo de 10 días hábiles. Unha vez realizada a valoración, a comisión daralle conta do resultado á Xunta de Goberno, que efectuará a proposta de resolución do proceso e trasladaralla á Xunta de Galicia para a emisión do informe vinculante sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular de autorizacións interurbanas de taxi.

Se o informe da administración autonómica é favorable, a Xunta de Goberno requirirá ás 29 licitadoras propostas coma adxudicatarias para que no prazo de 20 días hábiles, a contar desde o seguinte a aquel en que recibise o requirimento, presenten a documentación que acredite a titularidade e disposición efectiva do vehículo para a prestación do servizo: contrato de compravenda, arrendamento ou renting; permiso de circulación e tarxeta de inspección técnica do vehículo ou certificado de aduana ou fabricación no caso de que o vehículo non estea ainda matriculado (neste caso concederase un prazo adicional para acreditar esa dispoñibilidade). No mesmo prazo deberase presentar a documentación sobre o seguro do vehículo, a declaración de alta no Imposto de Actividades Económicas e no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social, e o recibo acreditativo do pagamento do canon de 88.000 euros fixado no procedemento.

Se existira algunha deficiencia na documentación presentada notificarase á persoa interesada, requiríndolle para que a solvente no prazo de 10 días hábiles. De non facelo, procederase a solicitar a documentación á seguinte clasificada no proceso de valoración.

O inicio do servizo deberá iniciarse no prazo máximo dun mes desde a concesión definitiva da licenza. O incumprimento deste prazo poderá dar lugar á revogación da concesión.

As licenzas de taxi terán unha vixencia permanente, en tanto non se produza a renuncia ou o falecemento da súa persoa titular sen herdeiros, se declare a caducidade ou se acorde a súa revogación. As 29 licenzas deste concurso outórganse con carácter permanente como taxis adaptados, de maneira que se lle deberá dar cumprimento á normativa en materia de accesibilidade.

Comparte este artigo