O servizo municipal de asesoramento en materia de alugueiro atendeu 192 casos desde a súa posta en marcha

Redacción

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, acompañado da responsable territorial de Provivienda en Galicia, Ana Pardo Fernández, e da avogada Cristina Serantes Escobar, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta do desempeño do servizo municipal de información e asesoramento en materia de alugueiro durante os tres primeiros meses de operatividade, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro deste ano.

Durante este intervalo atendéronse 192 consultas, das cales 106 foron realizadas por persoas inquilinas, e as outras 86 restantes, por propietarias. A modalidade telefónica concentrou case a metade dos casos, con 92 chamadas en total. Dentro desta modalidade, o volume de persoas inquilinas e propietarias que fixeron uso do servizo foi moi semellante, con 47 chamadas de persoas inquilinas e 45 de propietarias. A maioría das consultas estiveron relacionadas coa prórroga dos contratos, os supostos de suba de renda, a devolución da fianza ou a normativa dos pisos turísticos.

O segundo medio de contacto máis empregado á hora de realizar consultas no servizo de asesoramento foi o correo electrónico. Un total de 62 persoas optaron por esta vía, a maioría -37 delas- persoas inquilinas. Este medio foi moi utilizado para poder anexar borradores de contratos para análise por parte do servizo ou para solicitar información xurídica máis detallada por escrito.

A atención presencial representou unha quinta parte das consultas, cun total de 40 citas. A pesar do seu volume máis reducido, esta modalidade é a que require maior esforzo por parte do servizo, xa que adoitan ser os casos máis delicados. Das 40 solicitudes, 24 correspondían a persoas inquilinas e 16 a persoas propietarias. Nesta modalidade tratáronse casos onde aparecían fenómenos como a vulnerabilidade social, o risco de desafiuzamento, cláusulas abusivas e dúbidas relativas á implantación da nova Zona de Mercado Residencial Tensionado.

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, valorou moi positivamente estes primeiros meses de vida do servizo “tanto polo volume de consultas atendidas como polos comentarios moi positivos que recibimos por parte dos usuarios”. Lembrou que “contribúe a mellorar o coñecemento das dúas partes que interveñen nun contrato de alugueiro (propietarios e inquilinos) sobre os seus dereitos e deberes, nomeadamente tras a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado o 29 de xullo”.

Pola súa banda, Cristina Serantes cualificou o servizo de información en materia de alugueiro como “moi útil” para a cidadanía, destacando a boa valoración pola información “clara e sinxela” que proporciona. Na mesma liña, Ana Pardo recordou durante a súa intervención que “para garantir os dereitos da cidadanía é preciso que estea correctamente informada”.

Ao remate da rolda, Iago Lestegás puxo en valor o papel do terceiro sector e de entidades como Provivienda “na estratexia para avanzarmos cara a un dereito efectivo á vivenda digna e adecuada”. Neste sentido, salientou que as administracións públicas poden apoiar este labor colaborando con estas entidades (caso deste servizo de asesoramento), e puxo outros exemplos como a bonificación de ata o 95% do ICIO -imposto de construcións, instalacións e obras- ás edificacións promovidas por cooperativas de vivenda en cesión de uso sen ánimo de lucro “como medida para fomentar esta terceira vía de acceso á vivenda entre a propiedade e o alugueiro que permite avanzar cara á desmercantización da vivenda”.

Tamén se referiu á constitución de dereitos de superficie sobre parcelas municipais destinadas á construción de vivenda protexida como fórmula de mobilización de solo municipal. Prevista no Plan de medidas correctoras vinculado á declaración de ZMRT e aprobado o 1 de xuño, permite a construción de vivendas protexidas nunha parcela municipal para o seu uso durante un prazo establecido (decote 75 anos) a partir do cal se reverte a parcela e a edificación ao Concello, que mantén a titularidade. Actualmente, estanse a elaborar os informes técnicos para a constitución de dereitos de superficie sobre dúas parcelas municipais e estúdase a introdución de “criterios de preferencia e valoración que favorezan a adxudicación a entidades do terceiro sector”, salientou Lestegás. Unha delas é a parcela PR-4 do SUNP-4 (Avenida do Camiño Francés), de 1.292 m2, para 18 vivendas protexidas na rúa de Vicente Risco, enriba do parque das Cancelas. A outra, a parcela M2 do SUP-7 (Pontepedriña II), de 911 m2 para 43 vivendas protexidas con uso comercial en planta baixa na Rúa de Jose Antonio Souto Paz.

Durante a rolda de prensa, sinaláronse tamén algúns detalles do funcionamento durante este período, destacando a recepción dun número significativo de consultas relativas á regulación do prezo do alugueiro derivadas dende Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Sobre o servizo
O servizo de asesoramento en materia de alugueiro é unha das iniciativas vinculadas ao plan de medidas correctoras derivado da declaración de Santiago de Compostela como Zona de Mercado Residencial Tensionado. Orientado tanto a persoas arrendadoras como arrendatarias, localízase nas instalacións da concellaría de Urbanismo da rúa das Casas Reais 8, onde atende de xeito presencial (os venres de 9h a 14h, con cita previa), así como telefónico (os martes no mesmo horario no teléfono 671 941 127) e telemático a través do correo electrónico (aluga@santiagodecompostela.gal) onde se responden consultas e se solicitan citas presenciais.

Comparte este artigo