A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, lembrou que a comunidade autónoma contará co primeiro Plan Galego do Autismo, que busca garantir o benestar e a plena inclusión das persoas con TEA
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acudiu esta tarde en Vigo á celebración do 50 aniversario da Fundación Menela, á que trasladou os parabéns da Xunta polo seu medio século de atención a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias.
Begoña Abeijón apuntou que Menela é todo un referente en Galicia e gabou o seu compromiso coa calidade dos servizos que proporciona, co respecto e coa mellora da vida das persoas con TEA. Unha visión que comparte co Goberno autonómico, que, lembrou, traballa no primeiro Plan Galego do Autismo, que buscará garantir o benestar integral, os dereitos e a plena inclusión das persoas con TEA.
Desenvolver unha rede de apoios para facilitar a vida independente e a inclusión social das persoas con TEA é un dos obxectivos do Executivo galego, destacou a directora xeral, que, neste sentido, puxo en valor o papel que xogan as entidades sociais.
Teatro inclusivo en Pontevedra
Antes da súa participación no aniversario da Fundación Menela, Begoña Abeijón acudiu ao Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tivo lugar a representación teatral Por nosotras, a cargo do grupo teatral da Asociación Virgen de la O. Un exemplo, dixo a directora xeral, da participación activa na sociedade de persoas con discapacidade intelectual. Celebrou así que a cultura sirva para romper estereotipos en favor da inclusión.

