Alfonso Rueda visita a nova escola infantil municipal do Rebullón

Redacción
Visita á nova escola municipal do Rebullón

A Xunta destina máis de 700.000 euros a este novo centro, que incorpora 41 prazas públicas e gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recibiu hoxe o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na visita á nova Escola Infantil Municipal do Rebullón, nun acto no que tamén participou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

A nova infraestrutura, que xa está en funcionamento incorpora 41 prazas públicas e gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, cun investimento da Xunta de Galicia superior aso 700.000 euros. Coa apertura deste centro, Mos conta xa con catro escolas infantís públicas, ampliando os recursos municipais destinados á atención á primeira infancia e ao apoio ás familias.

Durante o acto, Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego reservará 73 millóns de euros nos orzamentos autonómicos de 2027 para garantir a gratuidade das escolas infantís, un 8 % máis que no exercicio anterior. Esta medida permite aforros de ata 4.000 euros anuais a máis de 30.000 familias galegas.

O presidente da Xunta subliñou a importancia de facilitar a conciliación e apoiar as familias para favorecer o crecemento da poboación. Neste sentido, lembrou outras medidas autonómicas, como a rede de máis de cen casas niño no ámbito rural, a Tarxeta Benvida e as axudas para actividades e campamentos a través do Plan Corresponsables.

Un novo servizo para as familias de Mos

A alcaldesa, Nidia Arévalo, destacou a importancia da posta en marcha deste equipamento para o municipio, tanto pola ampliación da oferta de prazas públicas gratuítas como pola mellora dos recursos dispoñibles para as familias.

A rexedora puxo tamén en valor a colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia para avanzar na dotación de servizos e na recuperación dun espazo que forma parte da historia de Mos.

A visita incluíu un percorrido polas instalacións, guiado pola directora do centro, Paula Domínguez, durante o que as autoridades coñeceron as aulas, as zonas comúns, o comedor, a cociña e o patio exterior. O arquitecto Ángel Jaime Santorio, responsable do proxecto, explicou as características técnicas do edificio e a distribución dos seus espazos.

O Rebullón, cara a un complexo sociosanitario

Alfonso Rueda puxo en valor que a nova escola infantil constitúe a primeira peza do proxecto de transformación integral do antigo hospital do Rebullón, unha actuación coa que se pretende recuperar este espazo emblemático e convertelo nun complexo sociosanitario que integre servizos educativos, sociais e sanitarios.

O obxectivo é reunir recursos que dean resposta ás necesidades das persoas nas distintas etapas da vida, avanzando na recuperación deste ámbito e na súa nova utilización ao servizo da cidadanía.

Para o Concello de Mos, a apertura da escola infantil supón un paso máis na dotación de servizos públicos e na recuperación progresiva do Rebullón como espazo de referencia para a veciñanza.

Unha árbore como símbolo de pasado, presente e futuro

A xornada concluíu coa plantación simbólica dunha árbore ginkgo biloba no exterior da escola infantil. Xoel, un neno de catro anos, e Raquel Leirós, de 75 anos e vinculada á historia do Rebullón, acompañaron á alcaldesa e ao presidente da Xunta neste acto.

A iniciativa quixo simbolizar a unión entre xeracións, conectando a memoria do Rebullón coas novas xeracións que medrarán neste espazo e coa nova etapa que se abre para este ámbito de Mos.

Comparte este artigo