O goberno municipal de Alternativa dos Veciños presentou no pleno unha moción para mellorar a seguridade viaria do municipio nos núcleos de Montrove e Serantes. Foi aprobada por unanimidade.
A seguridade viaria é unha das cuestións que máis preocupan á cidadanía e neste sentido a proposta do goberno municipal é solicitar á Xunta de Galicia (titular das estradas) a construción dunha rotonda no cruce de Montrove (AC-174), intersección de Avda. Rosalía de Castro con Rúa Salvador de Madariaga e Rúa Casares Quiroga coa fin de paliar os atascos e retencións que afectan a un gran número de cidadáns/ás, dificultando a mobilidade e a seguridade viaria. Molestias que non só afectan á circulación, senón que se converten nun impacto negativo na calidade de vida dos veciños, que veñen reclamando desde hai tempo unha solución efectiva para aliviar o tráfico e garantir a seguridade na zona.
Por outra banda, o plenario aprobou tamén á solicitude á Xunta da construción de beirarrúas nun tramo da AC-163 na zona entre a igrexa de Serantes e O Cubo; estrada que une dous núcleo moi poboados do concello e que carece de beirarrúas o que provoca un gran problema de inseguridade viaria para os veciños e veciñas, crianzas e persoas maiores que transitan a pé polo tramo diariamente.
En ambos casos, o Concello de Oleiros comprometeuse coa conselleira de Vivenda e Infraestrutura da Xunta de Galicia (hai máis dun ano) a realizar todos os trámites necesarios coa fin de acadar todos os terreos precisos para a execución das actuacións, mais o goberno autonómico non deu ningún tipo de resposta ao respecto ata o momento. Neste sentido, aprobouse por unanimidade a moción do grupo e goberno de Alternativa dos Veciños para instar á Consellería de Vivenda e Infraestruturas da Xunta de Galicia a execución das obras anteditas: rotonda na AC-174, na Avda. Rosalía de Castro en cruce coa Rúa Casares Quiroga (DP-5810) e execución de beirarrúas na AC-163, entre a Igrexa de Serantes ata O Cubo.