A Concellaría de Xuventude pon en marcha o proceso dos Orzamentos Participativos Compostela Decide, para que os mozos e mozas decidan a que actividades destinar 100.000 euros do presuposto municipal. Mañá mesmo abre o prazo para a presentación de propostas, a través da web decide.santiagodecompostela.gal.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe unha nova edición dos Orzamentos Participativos da área de mocidade, “a cuarta que impulsamos neste mandato, e co aval que supón que cada ano temos unha mellor acollida e unha maior participación”.
Fases do proceso Compostela Decide
O proceso de Orzamentos Participativos comeza coa fase de presentación de propostas, que se abrirá desde mañá 15 de outubro ata o 20 de decembro. Mañá quedará habilitado o formulario correspondente na web decide.santiagodecompostela.gal, e pode facer achegas calquera persoa, sen límite de idade. As propostas teñen que referirse a actividades ou programas dirixidos específicamente á mocidade, que sexan viables técnicamente, sexan competencia municipal e de interese xeral, e non superen o orzamento de 15.000 euros por actividade.
Unha vez concluída a avaliación técnica das propostas por parte do departamento de Mocidade, abrirase a fase de votación dos Orzamentos Participativos, do 18 de xaneiro ao 28 de febreiro de 2027. Poderán votar os mozos e mozas nacidos entre 1997 e 2011, que estean empadroados ou residan, traballen ou estuden en Santiago.
Proceso consolidado
Os Orzamentos Participativos de Mocidade é un proceso xa consolidado, con mellor acollida cada ano. Na última edición presentáronse un total de 275 propostas, un 42% máis que o ano anterior. Tamén medrou o número de mozos e mozas que participaron nas votacións, ata achegarse aos 1.500.
Dese proceso de Orzamentos Participativos xurdiron propostas moi interesantes que se executaron nos últimos meses como o cine ao aire libre na Alameda, as actividades relacionadas coa cultura urbana que se desenvolveron no marco do Compostela Street celebrado o mes pasado no Campus Sur; a instalación dunha pantalla para ver o Mundial de Fútbol, ou o festival Picafest que se celebrou a pasada fin de semana en Belvís.
Música no Atardecer: Kid Mount, André G.S. e Queen Rendi na Capitol
Vinculado aos Orzamentos Participativos, a Sala Capitol acollerá o próximo 29 de outubro a concerto “Música no Atardecer”, atendendo a outra das propostas máis votadas no proceso Compostela Decide. O cabeza de cartel será Kid Mount, un mozo de Xinzo afincando en Compostela que vén revolucionando a escena urbana e que conta con máis de 120.000 oíntes mensuais en Spotify. Con el compartirán escenario dous artistas vinculados ao Centro Xove da Almáciga: André G.S. e Queen Rendi, que tamén teñen xa unha importante traxectoria na música urbana.
O concerto será o 29, a partir das 21.00 horas. A entrada será de balde pero será preciso recoller previamente as invitacións que estarán reservadas para persoas de 16 anos ou máis, que acrediten estar empadroadas, residir ou traballar en Santiago.

