- Roi Fernández lembra que o Plan de Xestión de Inundación de Galicia-Costa establece como obxectivo reducir e minimizar as consecuencias negativas destes episodios
- Entre as principais liñas de traballo, destaca aquelas destinadas a aumentar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e informar á cidadanía sobre como actuar en caso de asolagamento, entre outras cuestións
- Tamén informa de que están instalados 565 carteis de diferentes tipos en 44 das 46 Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación previstas
A Xunta, a través de Augas de Galicia, aposta pola información e a prevención para salvagardar bens, reducir danos e protexer as persoas ante o risco de inundacións.
Así o destacou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen compareceu esta tarde respondendo unha pregunta na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento para dar conta das políticas do organismo hidráulico nesta materia.
Tras lembrar que o Plan de Xestión do Risco de Inundación de Galicia Costa, aprobado en 2023, establece como obxectivo reducir e minimizar as consecuencias negativas das inundacións, indicou que o organismo hidráulico está a desenvolver un programa de concienciación e divulgación mediante sinalización nas Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación, as Arpsi con maior risco e perigosidade.
Na mesma liña, explicou que a finalidade do Plan Estratéxico de Divulgación das Arpsi (Pedarpsi) é facer visible un risco que na maioría das veces permanece oculto ata que se produce un episodio extremo, e polo tanto informar á cidadanía explicando o comportamento das inundacións e trasladando pautas de prevención e autoprotección.
Deste xeito, incidiu en que o Pedarpsi busca aumentar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos, mellorar a percepción do risco, manter viva a memoria dos episodios sufridos e informar sobre como actuar durante un fenómeno destas características.
A actuación, cun investimento de 699.466,71 euros está instalando sinalización diversa e adaptada ás características de cada Arpsi, con paneis xerais de unha e dúas caras, paneis infantís e paneis reducidos. Concretamente, a instalación está en marcha en 44 das 46 áreas previstas, e en 44 concellos diferentes con 565 carteis instalados e máis de 300 permisos, comunicacións previas e notificacións tramitadas para a súa posta en funcionamento, antes da modificación da Lei de augas de Galicia que exime de licenzas, autorizacións e informes sectoriais as actuacións de sinalización vinculadas á protección fronte ao risco de inundación dentro das Arpsi de Galicia Costa, o que facilitou o ritmo de execución.
Carácter diferencial no contexto estatal
A maiores, o director de Augas de Galicia apuntou que esta iniciativa é diferente a outras que se están levando a cabo no resto do Estado. O organismo hidráulico vai máis alá da sinalización convencional de puntos perigosos que se aplica noutros lugares, estase desenvolvendo unha actuación planificada, continuada e de amplo alcance territorial ofrecendo información permanente á cidadanía.
Ademais, Roi Fernández aproveitou para reclamar ao Estado un maior compromiso investidor con Galicia, e lembrou que é necesario avanzar en actuacións estratéxicas, como poden ser o reforzo do abastecemento a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra; as intervencións de saneamento e depuración de Ames, Verín, Neda e Monterroso; ou as novas estacións depuradoras de Outeiro de Rei e Portomarín.

