O Obradoiro de Teares do CCP Xaquín Lorenzo da Deputación amosa os traballos do seu alumnado na Biblioteca “Nós” ata o 31 de outubro

Redacción

Máis de 20 alumnos e alumnas do curso 2025-2026 expoñen as súas pezas elaboradas con técnicas tradicionais trala formación impartida pola artesá Concha Outeiriño

O Obradoiro de Teares do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación amosa os traballos elaborado polo seu alumnado do curso 2025-2026 na Biblioteca “Nós” ata o vindeiro 31 de outubro. O director da área de Cultura e Deportes da Deputación, Marcos Vázquez, participou hoxe na inauguración desta mostra que reúne as creacións de máis de vinte participantes que puxeron en práctica técnicas tradicionais de tecedura aprendidas da artesá Concha Outeiriño.

A exposición está formada por pezas tradicionais como fundas de fol e flocos de gaita, faixas, chalecos, saias, panos e chales, bufandas, pés de cama e coxíns, alfombras, bolsos, manteis e cortinas, feitos con puntos de adamascado, tafetán, sarga, gorullo ou panamá, exemplo do que o alumando chega a ser quen de elaborar despois dos catro anos de formación no Obradoiro de Teares.

O Obradoiro de Teares, que o CCP Xaquín Lorenzo organiza con carácter anual dende o ano 2005, ten entre os seus obxectivos principais a formación no manexo de teares artesanais e a preservación do patrimonio téxtil. Moitas das pezas elaboradas son empregadas posteriormente pola Escola Provincial de Danza-Castro Floxo para a reprodución do vestiario tradicional galego que locen os diferentes grupos de folclore nas súas actuacións.

Así mesmo, a programación do curso reserva un espazo para a innovación, permitindo crear pezas de uso contemporáneo a partir de modelos e técnicas tradicionais.

Horarios para visitar a exposición

A mostra permanecerá aberta ao público na Biblioteca “Nós” ata o 31 de outubro. Os horarios de visita son os habituais do centro: de luns a venres en horario continuado de 9.00 a 21.00 horas, e os sábados pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Comparte este artigo