Francisco Diéguez: ‘’ Non imos dar un paso atrás na defensa dos dereitos laborais. Non acusamos nin condenamos a ninguén: trasladamos ás administracións competentes unha información que nos fixo chegar un antigo traballador para que sexan elas quen esclarezan os feitos. A nosa obriga é actuar con responsabilidade, pero tamén con firmeza. Recibir un requirimento xurídico non vai facer que renunciemos ao noso compromiso coa defensa das persoas traballadoras e coa transparencia’’.
En ningún momento Avante Ourense acusou a KuBOX Modular nin a ningunha persoa de cometer infraccións ou delitos. A información que chegou á nosa organización procedía do testemuño dun antigo traballador, que nos trasladou unha serie de feitos relacionados coa súa experiencia laboral.
Como organización política comprometida coa defensa dos dereitos das persoas traballadoras, consideramos que a nosa responsabilidade era actuar con rigor e trasladar esa información ás administracións competentes, para que puidesen comprobar os feitos e determinar se existía algún tipo de irregularidade. Iso foi exactamente o que fixemos.
En relación co requirimento remitido polo equipo xurídico da empresa, Avante Ourense manterá as súas publicacións, ao considerar que a nosa actuación se limitou a trasladar información ás administracións competentes para o seu esclarecemento. Defendemos o noso dereito a informar sobre cuestións de interese público e a canalizar posibles vulneracións dos dereitos laborais polas vías institucionais correspondentes, sempre desde a responsabilidade, o respecto á legalidade e as garantías de todas as partes.
Para acreditar que a nosa actuación se desenvolveu polas vías institucionais correspondentes, achegamos documentación que acredita as comunicacións e denuncias presentadas ante as administracións competentes.
Entre esa documentación figura a comunicación recibida da xefatura da Inspección de Traballo de Ourense, na que se nos informa da apertura de dilixencias inspectoras para verificar os feitos trasladados.
Esta actuación deberá seguir o seu curso e serán os organismos competentes os que determinen o resultado das comprobacións, sen que Avante Ourense dea por acreditada ningunha infracción nin atribúa responsabilidades anticipadamente.
Respectamos a presunción de inocencia, os dereitos de todas as partes e as garantías que deben rexer calquera actuación administrativa. Precisamente por iso acudimos ás institucións: porque consideramos que son elas, e non os partidos políticos, quen deben comprobar os feitos e adoptar as decisións que correspondan.
A nosa actuación responde a un principio básico: cando se nos traslada información sobre posibles irregularidades laborais, o noso deber é canalizala polas vías oficiais para que poida ser verificada. Non nos corresponde substituír as administracións, senón facilitar que poidan exercer as súas competencias.
Avante Ourense seguirá defendendo os dereitos laborais, a transparencia e o respecto á legalidade, sen prexuízo da presunción de inocencia nin das garantías de ningunha das partes.

