A Deputación reforza o seu compromiso co comercio local e de proximidade coa reforma da histórica Praza de Abastos de Ribadavia
O proxecto, cun investimento de 1,6 millóns, materializarase a través dun convenio de colaboración asinado hoxe entre a Xunta de Galicia (70%), a Deputación de Ourense (20%) e o Concello (10%)
O presidente provincial, Luis Menor, dixo hoxe na sinatura do convenio no Pazo Provincial que as prazas de abastos son “auténticos motores económicos e sociais”, afirmando que se trata do mellor escaparate para os produtos locais, os viticultores do Ribeiro e a gastronomía de quilómetro cero
Esta firma dá continuidade ao protocolo de colaboración asinado o pasado mes de febreiro entre a Xunta e a Deputación para sentar as bases da modernización das prazas de abastos da provincia de cara á Rede de Mercados Excelentes de Galicia
Ourense, 28 de xullo de 2026.
A Deputación de Ourense reforza o seu compromiso co desenvolvemento económico e social da comarca do Ribeiro a través da sinatura dun convenio para a reforma integral e modernización da histórica Praza de Abastos de Ribadavia. O presidente provincial, Luis Menor; o conselleiro de Economía, Emprego e Emigración, José González; e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, acompañados polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asinaron hoxe no Pazo Provincial un convenio de colaboración entre as tres administracións para levar a cabo esta reforma por un importe de 1,6 millóns de euros.
O proxecto executarase grazas á colaboración institucional a tres bandas: a Xunta de Galicia, que achega o 70% do financiamento (1,1 M€); a Deputación de Ourense, co 20 % (320.000 €); e o Concello de Ribadavia que asume o 10% restante (160.000 €). Deputación e Xunta farán as súas achegas en dúas anualidades (2026-2027) e o Concello no próximo exercicio.
Luis Menor salientou que esta alianza “volve a demostrar que para sacar adiante proxectos ambiciosos é necesario traballar da man con outras administracións”, consolidándose a Deputación de Ourense como a institución provincial que máis convenios de colaboración mantén co Executivo galego.
Procura da excelencia e dinamización do rural
O obxectivo prioritario desta actuación é lograr o selo de “Mercado Excelente” para potenciar a competitividade e consolidar o espazo como un punto de interese tanto para a veciñanza como para o turismo. As prazas de abastos son “auténticos motores económicos e sociais”, dixo Menor, afirmando que se trata do mellor escaparate para os produtos locais, os viticultores do Ribeiro e a gastronomía de quilómetro cero.
A reforma estruturarase en dúas fases e dúas anualidades: este ano executaranse as reformas estruturais, as intervencións na cuberta e a renovación dos revestimentos e acabados interiores; e no 2027 é cando se mellorarán a fachada, a carpintaría, o mobiliario e o equipamento, ademais de acometerse as instalacións destinadas a optimizar a accesibilidade, a funcionalidade e a eficiencia enerxética do edificio.
Unha estratexia consolidada na provincia
Esta firma dá continuidade ao protocolo de colaboración asinado o pasado mes de febreiro entre a Xunta e a Deputación para sentar as bases da modernización das prazas de abastos da provincia de cara á Rede de Mercados Excelentes de Galicia.
Neste sentido, o presidente da Deputación agradeceu de maneira especial a implicación e a “altura de miras” dos alcaldes ourensáns que, nun contexto socioeconómico complexo para as facendas locais, decidiron dar un paso adiante e involucrarse economicamente cofinanciando estas propostas. “Con esta sinatura demostramos que o rural ourensán non se detén, que ten pulso, que ten futuro e que ten institucións que cren firmemente nel”, concluíu Menor.

