A comarca de Ourense concentra máis dun terzo de todo o tráfico que circula pola rede de estradas provinciais

Redacción

Así o demostra o Plan de Aforos 2025, elaborado polo equipo de aforos e seguridade viaria da Área de Infraestruturas, que ofrece unha radiografía completa dos 1.848 quilómetros da rede provincial e mide de xeito directo máis do 95% do seu trazado

O vía provincial do Polígono de San Cibrao das Viñas lidera a intensidade de circulación con case 18.000 vehículos diarios

Máis da metade da rede presenta un marcado carácter rural ao rexistrar ao redor de 250 vehículos ao día, garantindo a vertebración do territorio

A comarca de Ourense, que acolle o 16 % do total da rede provincial, soporta máis dun terzo de todo o tráfico que circula polas estradas provincias, segundo os datos extraídos o Plan de Aforos 2025 que ofrece unha radiografía completa e detallada do fluxo de tráfico na rede.

Este documento amosa unha forte concentración da circulación arredor da capital, sendo a estrada con maior densidade de vehículos o vial principal do polígono industrial de San Cibrao das Viñas (OU-0514), que roza os 18.000 vehículos diarios, seguida pola OU-0517 (Ourense–A Merca), con máis de 13.500 pasos ao día.

Fóra da área metropolitana destaca a OU-1117 (Xinzo–Vilar de Barrio), que supera os 8.000 vehículos diarios no seu tramo inicial, razón pola que cumpre os criterios para formar parte da rede prioritaria do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable.

Cohesión territorial e perfil comarcal

En paralelo á densidade do contorno urbano, o informe subliña o papel clave da rede provincial para a vertebración do rural. Máis da metade da lonxitude total das estradas provinciais rexistra ao redor de 250 vehículos ao día, prestando un servizo esencial a unha poboación dispersa.

Por comarcas, o mapa de intensidades articúlase en tres niveis:

·        Alta intensidade (máis de 600 vehículos diarios de media): A comarca de Ourense (preto dos 1.000 vehículos/día), seguida por Allariz-Maceda e A Limia (que se sitúa como a segunda comarca en volume total de tráfico).

·        Intensidade media (entre 250 e 500 vehículos diarios): O Ribeiro, Terra de Celanova, Verín, a Baixa Limia e Valdeorras.

·        Intensidade baixa (arredor de 200 vehículos ou menos): Terra de Caldelas, O Carballiño —que conta coa segunda rede máis extensa pero moi repartida— e Terra de Trives. Viana pecha a lista con pouco máis de 130 vehículos diarios.

Así mesmo, A Limia, Ourense e Valdeorras destacan como as comarcas con maior tránsito de transporte pesado, unha actividade vinculada ao sector agroindustrial, á área industrial da capital e ao sector da lousa, respectivamente.

Hábitos de mobilidade: pico de tráfico os venres

O Plan de Aforos 2025 analiza tamén as pautas temporais de mobilidade que demostra que o venres consolídase como a xornada de maior circulación da semana, mentres que os domingos rexistran un descenso de arredor dun terzo respecto á media habitual. Como excepción destaca a estrada de acceso a Cabeza de Manzaneda, onde os sábados a intensidade de tráfico case duplica a media debido ao seu atractivo turístico e de lecer.

Os datos recollidos neste estudo remitiranse ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable para a súa integración no Anuario Estatístico e no Mapa de Tráfico estatal. Para a Deputación de Ourense, este documento supón unha ferramenta técnica indispensable para orientar os plans de conservación, optimizar as inversións e deseñar novas actuacións en materia de seguridade viaria.

A lonxitude total recorrida na estrada provincial é de 300 M de km

Os vehículos que circularon durante o último ano polas estradas da Deputación de Ourense percorreron en conxunto uns 300 millóns de quilómetros, cunha media de ao redor de 450 vehículos diarios por cada punto da rede provincial.

O estudo, elaborado polo equipo de aforos e seguridade viaria da Área de Infraestruturas, composto por catro aforadores e un xefe de equipo, mediu a circulación en 327 puntos de control distribuídos por toda a provincia. Con esta cobertura, o 95,7 % dos 1.848 quilómetros que suman as 266 estradas provinciais conta xa con datos medidos directamente (superando o 94,3 % rexistrado en 2023). A rede dispón ademais de 12 estacións permanentes que contabilizan o paso de vehículos os 365 días do ano.

Comparte este artigo