A Deputación abre hoxe o prazo para anotarse en obradoiros de Nadal, cestería, rescate en montaña ou micoloxía, con máis de 100 prazas gratuítas

Redacción

– Son un total de 6 propostas que corresponden ao cuarto trimestre da programación medio ambiental que a institución provincial pon en marcha na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá. As persoas interesadas poderán inscribirse desde hoxe mércores 30 de setembro

-Na xornada micolóxica que se celebrará este domingo 4 de outubro na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, aínda quedan prazas dispoñibles para anotarse

-As actividades ofertadas dende a Reserva da Biosfera Terras do Miño, cuxo prazo de inscrición abriu o pasado luns, teñen cubertas todas as prazas agás o obradoiro de podas, no que hai ocos dispoñibles nas dúas sesións ofertadas, en novembro e decembro

A Deputación de Lugo ven de abrir hoxe mércores, 30 de setembro, o prazo de inscrición para participar nas actividades do cuarto trimestre da Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Trátase dun total de 6 propostas de lecer saudable e educación ambiental nas que se inclúen 92 prazas para adultos e 15 para nenos. As persoas interesadas en inscribirse poden apuntarse a través do teléfono 982.227.813, ou no correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org.

107 prazas de formación e lecer nos Ancares Lucenses

As propostas terán en diferentes ubicacións dentro da desta Reserva da Biosfera, e o calendario será o seguinte:

O 4 e o 31 de outubro, terán lugar dúas xornadas micolóxicas, a do día 4 na Escola de Barcia (Navia) e a do día 31 no Piornedo (Cervantes). En ambos casos, o horario é de 10:00 a 14:00 horas, con 25 prazas para adultos en cada unhas das xornadas ofertadas. Para a xornada deste domingo 4 de outubro aínda quedan prazas dispoñibles para anotarse.

A programación continuará o día 7 de novembro coa actividade Obradoiro de rescate en montaña, que está orientado a empregados de protección civil ou corpos de seguridade. Celebrarase no Edificio de Servicios Múltiples de San Román de Cervantes. De 09:00 a 15:00 horas terá lugar unha xornada teórica, e de 16:30 a 22:30 horas, desenvolveranse prácticas de rescate, tanto de día como de noite. Contará con 15 prazas para adultos.

Posteriormente, o 21 e 28 de novembro terá lugar un obradoiro de cestería, con 12 prazas para adultos que se celebrará na Escola de Barcia. O día 21, o horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, mentres que o día 28 será de 10:00 a 14:00 horas.

Por último e en relación co Nadal, terán lugar dous obradoiros, ambos no Centro social de Becerreá. En concreto, os días 4 e 11 de decembro haberá un obradoiro de arte floral de Nadal, dirixido a adultos con 15 prazas ofertadas. E do 28 ao 30 de decembro, celebraranse xogos e cantos de Nadal, dirixidos a nenos e nenas, con 15 prazas ofertadas.

Aínda quedan prazas dispoñibles para o obradoiro de podas de Terras do Miño

Por outra parte, respecto das actividades ofertadas dende a Reserva da Biosfera Terras do Miño para este último trimestre do ano, a maioría das máis de 100 prazas ofertadas xa foron cubertas, o cal supón todo un éxito de participación.

Neste senso, so quedan prazas dispoñibles no obradoiro de poda de froiteiros e viñas, que se celebrará do 30 de novembro ao 4 de decembro e do 14 ao 18 de decembro no Centro de Interpretación Terras do Miño, dirixido a adultos.

Neste caso, as persoas interesadas en inscribirse poden apuntarse a través do teléfono 982.305.930, o correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org  e en http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.

Comparte este artigo