A Deputación apoia o “Día da Provincia” do 39º Campamento Urbano de Amencer

Redacción

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, saudou ás persoas participantes desta xornada, na que 11 autobuses partiron cara a sete concellos da provicia

Como cada verán, a Deputación de Ourense colabora coa Asociación Xuvenil Amencer na celebración do “Día da Provincia”, unha xornada lúdica e educativa integrada na programación do 39º Campamento Urbano “Ourense 2026”.

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, achegouse esta mañá á base do campamento para saudar á rapazada e ao equipo de monitores antes do inicio dunha actividade que permitirá ás persoas participantes coñecer diferentes lugares da xeografía ourensá e convivir coa mocidade dos concellos visitados.

Rosendo Fernández salientou “o firme compromiso da Deputación cunha iniciativa que, despois de 39 edicións, é xa un verdadeiro clásico do verán ourensán e un exemplo de educación en valores, convivencia e participación xuvenil”.

Ao longo da xornada, once autobuses desprazanse aos concellos de Toén, Esgos, Maceda, Castrelo de Miño, Ribadavia, A Peroxa e A Merca. A programación incluirá xogos, actividades culturais, visitas, propostas náuticas e momentos de convivencia nas piscinas municipais coa rapazada de cada localidade.

“O Día da Provincia permite que as novas xeracións coñezan mellor o seu territorio, descubran a súa riqueza e reforcen o sentimento de pertenza a Ourense”, afirmou Rosendo Fernández, quen agradeceu á Asociación Amencer “o seu extraordinario labor e a súa capacidade para ofrecer cada verán alternativas de lecer educativo que deixan pegada en centos de mozos e mozas”.

Comparte este artigo