O presidente Luis López avanza que a actuación será financiada integramente pola institución provincial xa que aos 70.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas hai que engadir outra achega de máis de 18.000 € do Plan +Provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres unha achega ao concello de Salvaterra de Miño no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros. Con esta achega, que ascende a máis de 70.000 euros, Salvaterra de Miño actuará no acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol do Oural.
Tal e como explicou o presidente da Deputación, Luis López, a actuación será integramente financiada pola institución provincial xa que, ademais destes recursos, contará con outra achega de máis de 18.000 euros, neste caso do Plan +Provincia, ata chegar a máis de 88.000 euros. As obras permitirán acondicionar os locais localizados baixo a grada do campo que agora se viñan empregando como almacéns. Na actualidade o campo conta con outros dous vestiarios (e outro pequeno para colexiados), que resultan insuficientes nos días de adestramento ou partido. O novo espazo contará con medidas de illamento e eficiencia enerxética, e terá candansúa zona para cambiarse, outra de duchas e mais unha cabina individual accesible.
Ata o momento, a Deputación de Pontevedra xa mobilizou máis de 1,7 millóns de euros dos 4 millóns do orzamento total deste Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Por agora aprobáronse axudas para os concellos de Arbo, Baiona, Barro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.