As familias do alumnado de 1º do CEP ALTAMIRA de Salceda de Caselas reclaman á Consellería de Educación que se concedan catro unidades no nivel, en lugar das tres actualmente previstas, para garantir unhas ratios axeitadas e unha atención educativa de calidade.
As familias consideran que, a organización en tres aulas das 73 prazas matriculadas a día de hoxe, supón un incremento innecesario da ratio e dificulta a atención individualizada do alumnado, especialmente tendo en conta as necesidades de diversidade e apoio presentes no centro.
A situación resulta especialmente inxusta ao comprobar que para o vindeiro curso está prevista unha organización en catro aulas, o que, ao entender das familias, supón un agravio comparativo para o alumnado que actualmente debe afrontar unhas ratios máis elevadas.
“Non entendemos que este curso se nos diga que tres aulas son suficientes e que o vindeiro curso si se contemple a cuarta. O alumnado non pode recibir un trato diferente en función do ano no que lle corresponda estar escolarizado”, sinalan as familias.
“Non estamos pedindo un privilexio: estamos pedindo que se aplique o mesmo criterio e que o alumnado deste curso non sexa prexudicado fronte ao do seguinte.”
As familias solicitan á Xunta que revise a decisión e que teña en conta non só criterios numéricos, senón tamén os principios de equidade, igualdade de oportunidades e calidade educativa.
Por este motivo, presentaron un escrito ante a Inspección de Educación solicitando a revisión da organización das unidades e a recuperación das catro aulas.
O equipo de goberno do Concello de Salceda manifestoulles ás familias o seu apoio na reclamación, conscientes de que as diferentes necesidades do alumnado fan precisas unha atención máis directa que non se garante mantendo as tres aulas.

