– A actuación supón un investimento de máis de 244.000 euros e inclúe melloras nos camiños Costeira, Magariñas, Cupiño, camiño Novo Quintela, Fonte da Lama, Muíño do Muro, Pouso de Arriba, camiño da Faxina e a pavimentación de Verdeal. Serán máis de 7.000 metros cadrados de nova pavimentación.
– O Goberno local renovará os pavimentos danados, solucionará os problemas de fochancas e estenderá novas redes de pluviais para evitar asolagamentos.Os traballos están integrados no Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, dotado cun total de 2,7 millóns de euros de fondos propios.
Redondela, 18 de setembro de 2026. O Concello de Redondela segue a avanzar con paso firme na mellora e modernización da rede viaria de todas as súas parroquias. O Goberno municipal deu luz verde á adxudicación do proxecto de pavimentación e mellora nun total de 9 camiños públicos da parroquia de Quintela, cun investimento conxunto que supera os 244.000 euros. Os traballos permitirán renovar 7.620 metros cadrados de vías na parroquia.
Trátase dos camiños da Costeira, Magariñas, Cupiño, camiño Novo Quintela, Fonte da Lama, Muíño do Muro, Pouso de Arriba, camiño da Faxina e Verdeal. En todos eles se vai renovar completamente o pavimento asfáltico, que no caso de Verdeal será pavimentado por primeira vez. No camiño Muíño do Muro o tramo final, próximo ao paseo do río Maceiras, rematarase cun pavimento especial de adoquín e bordo de pedra para embelecer a contorna natural. No da Faxina tamén se construirá un muro de formigón de 30 metros de longo para amparar o bordo do camiño.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que con este novo paso cumprirase “o compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Quintela”. “Este plan supón un esforzo económico sen precedentes realizado integramente con recursos do propio Concello, co único obxectivo de dar resposta ás necesidades reais do noso rural, mellorando uns camiños que levaban anos sen recibir o mantemento axeitado”, sinalou a rexedora.
Pola súa parte, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explicou o alcance destas intervencións. “Non nos limitamos a estender asfalto sobre a superficie; a nose folla de ruta prioriza a sostibilidade e a durabilidade das nosas infraestruturas rurais”, afirmou Villar. As canalizacións de pluviais resolverán as escorrentías de auga “e evitarán a deterioración prematura do asfalto por mor das choivas”, engadiu Villar.
Estas intervencións en Quintela inclúense no Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, financiado ao 100% con 2,7 millóns de euros de fondos propios do Concello de Redondela. O plan inclúe máis de 70 camiños de todo o municipio.

