A Deputación colabora nun estudo sobre o enoturismo na provincia que propón redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

Redacción
  • A presidenta da Deputación e o secretario seral do Eixo Atlántico acompañaron a vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo na presentación dun informe que propón accións arredor do viño para xerar actividade económica no territorio
  • O obxectivo é aumentar o tempo de permanencia dos visitantes na Ribeira Sacra, que actualmente é de dous ou tres días

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, acompañaron este martes no Pazo de San Marcos á vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e autora do informe Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de Portugal, Montserrat Cruz, na presentación deste traballo. O estudo foi impulsado polo Eixo Atlántico e recolle unha folla de ruta para transformar os recursos vinculados ao viño en produtos turísticos máis completos e comercializables.

Un territorio con máis de 2.500 hectáreas de viñedo e estadías turísticas de dous ou tres días
O traballo aborda estratexias diferenciadas para a Ribeira Sacra e para Valdeorras. No que ten que ver coa Ribeira Sacra, a Denominación de Orixe reúne a máis de 96 adegas (36 delas poden visitarse), máis de 2.000 viticultores e unhas 2.500 hectáreas de viñedo.

Segundo o estudo realizado sobre o enoturismo na Ribeira Sacara, as estadías dos visitantes son curtas, de dous ou tres días de promedio. En tempada alta, os turistas son sobre todo nacionais, con orixe maioritaria en Cataluña, País Vasco e Asturias. Fóra de tempada, a procedencia maioritaria é galega.

Outro dato extraído é que a demanda deste tipo de turismo experiencial está atraendo novos consumidores e popularizándose en persoas de entre 25 e 34 anos.

Porén, vese necesario prolongar esas estadías e para iso fanse varias propostas: distribuír as actividades durante todo o ano co fin de reducir a estacionalidade do turismo; reforzar a promoción e a identidade dos destinos; incorporar ferramentas dixitais para facilitar o enoturismo; mellorar a formación e o emprendemento do sector e reforzar a cooperación entre as administracións.

Máis concretamente, propóñense accións para catalogar a oferta de aloxamentos; crear unha aplicación dixital; deseñar experiencias de valor con narrativas personalizadas; agrupar paquetes turísticos; recompilar información dos eventos que son fixos durante o ano e nese sentido, crear unha axenda actualizada e compartida entres os diferentes axentes implicados.

Carmela López: “poñemos a disposición dos visitantes a vida natural no noso territorio”
Carmela López definiu o enoturismo como “unha parte fundamental do noso territorio” e fixo especial fincapé en que a Deputación aposta por ese “turismo experiencial, por esa valorización do que xa temos no noso territorio.

“Eu sempre digo que somos privilexiados e se hai algo que nos caracteriza é que poñemos á disposición dos visitantes a vida natural do noso territorio e iso xa é un valor porque veñen coñecernos, ver a nosa viticultura, como facemos os nosos viños, que cada vez son máis coñecidos”.

Rematou a mandataria provincial recordando a importancia de realizar traballos como o este. “Permítenos estudar cara onde queremos ir e cal é o futuro que queremos para o noso territorio”, afirmou, en relación ó estudo que impulsou o Eixo Atlántico coa colaboración do Campus de Ourense.

Comparte este artigo