A última enseña deste rexemento estivo gardada desde o ano 1987 por Fernando Ramos, autor do libro “La huella en Ourense del Zamora 8”, que agora cede á Deputación como “institución que sabe valorar, gardar e expoñer dignamente”
O presidente provincial, Luis Menor, comprometeuse a salvagardar esta enseña “polo seu valor sentimental e simbólico para milleiros de ourensáns e galegos en xeral”
A última bandeira izada no cuartel de San Francisco trala disolución do Rexemento Zamora 8 estará custodiada na Deputación. Salvagardar esta enseña “polo seu valor sentimental e simbólico para milleiros de ourensáns e galegos en xeral” é o compromiso manifestado polo presidente provincial, Luis Menor, trala exposición dedicada á pegada que deixou este rexemento militar en Ourense.
Precisamente, o ultimo pavillón español deste rexemento estivo gardado desde o ano 1987 por Fernando Ramos, autor do libro “La huella en Ourense del Zamora 8”. Ramos, que tras rematar o seu servizo militar sempre mantivo amizades e contactos no rexemento, puido gardar elementos de recordo trala liquidación do Zamora 8, gardando a gran bandeira dos días de gala (que entregou no seu día ao museo do Rexemento de Infantería “Isabel La Católica”, así como a máis moderna, arriada en 1987, “coa idea de entregarlla a unha institución que a soubera valorar, custodiar e expoñer dignamente. E esa institución é a Deputación de Ourense”.
Lembra Fernando Ramos que é un vello costume do Exército español queimar as vellas bandeiras cando se deterioran ou substitúen. “E ese tería sido o destino da que agora quedará para a historia na institución provincial”.