A Deputación de Ourense apoia a celebración da 40ª edición do Día da Bici

Redacción
PRESENTACIÓN 40º DÍA DA BICI O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Deportes, César Fernández, participa na presentación da 40ª edición do Día da Bici en Ourense, acompañado de Carlos Moure (Organizador) Anibal Pereira Novoa (Tentene de alcalde do Concello de Ourense), Manuel Pérez González (Xefe Territorial de deportes da Xunta en Ourense), Jorge Villarino (La Región), Pablo Pérez Cortizo (Toyota Ourense) e as deportistas Aroa e Xiana Vara Moure. No patio do Pazo Provincial.

A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da 40ª edición do Día da Bici, unha das citas lúdico-deportivas con maior tradición e participación popular da cidade, que se celebrará o domingo 20 de setembro, con saída ás 12.00 horas desde a Alameda.

Organizada pola Fundación ADO Moure Pro-Deporte, coa colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, esta edición terá un carácter especialmente conmemorativo ao cumprir catro décadas promovendo o uso da bicicleta, a convivencia familiar, os hábitos saudables e a mobilidade sostible. A organización estima unha participación de arredor de 4.500 persoas.

A proba desenvolverase sobre un percorrido urbano de 11 quilómetros, con saída e chegada na Alameda, atravesando diferentes puntos da cidade. A participación está aberta a persoas de todas as idades e condición física e a inscrición é gratuíta.

A celebración intégrase ademais na Semana Europea da Mobilidade, reforzando a aposta por formas de desprazamento máis activas e sostibles e pola sensibilización arredor da seguridade e do respecto ás persoas usuarias da bicicleta.

Con motivo desta edición especial, os primeiros 3.000 participantes recibirán unha mochila con avituallamento, camiseta e outras achegas, e entre todas as persoas participantes sortearanse bicicletas e diversos agasallos.

Comparte este artigo