A Deputación de Ourense homenaxea á moza árbitra Ana Martínez Presas no seu ciclo “8M, mes a mes”

Redacción

Destaca como unha das promesas máis firmes da arbitraxe ourensán tras facer historia na final da Copa Deputación

O recoñecemento pon en valor o liderado das mulleres novas no deporte rexional e a súa loita pola igualdade nun ámbito tradicionalmente masculino

O programa “8 M, mes a mes”, impulsado pola Deputación de Ourense para dar visibilidade ó talento, ó liderado e á pegada das mulleres na sociedade, dedica o seu recoñecemento do mes de xullo ao ámbito do deporte. Nesta ocasión, o foco sitúase sobre o colectivo da arbitraxe, rendendo homenaxe á moza colexiada Ana Martínez Presas, quen constitúe un claro exemplo de proxección, autoridade e paixón polo fútbol na provincia.

A traxectoria de Ana Martínez reflicte como a vocación e o traballo constante poden romper barreiras a idades moi temperás. O seu camiño nos campos de fútbol comezou tras realizar un curso de acceso entre os meses de setembro e decembro. Tras rematar esta formación, iniciou a súa andaina arbitrando partidos de fútbol 8, debutando oficialmente sobre o céspede o 14 de decembro daquela mesma tempada no campo de Oira; un momento que marcou o inicio dunha carreira ascendente e meteórica.

Un ascenso meteórico co colofón de Verín

O que comezou como un reto persoal converteuse nunha realidade incontestable en pouco tempo: na tempada 24-25 militou na 3ª Futgal, categoría na que dirixiu encontros ata a división de xuvenís;  e na tempada actual 25-26, logrou o ascenso á 2ª Futgal, consolidándose como un dos valores emerxentes do comité de árbitros.

Esta mesma tempada consagrouse ao participar en citas de máxima relevancia como unha das finais da Copa Deputación.  A este fito sumou tamén a dirección da final da Copa de categoría Alevín e a súa participación no prestixioso Torneo Internacional de Fútbol 8.

Carácter, formación e brío no campo

Ana posúe as calidades idóneas para triunfar nun estamento tan complexo como o arbitral, sobresaíndo no terreo de xogo polo seu forte carácter e personalidade, que compaxina cunha excelente forma física e, sobre todo, cunha boa sintonía cos futbolistas, baseada no respecto mutuo e a comprensión do xogo.

Educada no Colexio Plurilingüe “Luis Vives” e con dominio de castelán, galego e inglés, Ana Martínez Presas personifica á perfección o espírito do programa “8M, mes a mes” da Deputación: representa a mocidade, o esforzo sen complexos, o liderado cun rostro humano e un camiño aberto para as vindeiras xeracións de mozas que queiran dedicarse á arbitraxe. 

Comparte este artigo