Luis Menor destaca o papel dos adestradores como “auténticos educadores e referentes sociais” e pon en valor os 35 anos de traxectoria desta entidade
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou na Gala de Fin de Tempada da Asociación Afiador, un encontro xa consolidado como unha das citas de referencia do fútbol ourensán e do colectivo de adestradores da provincia.
Durante a súa intervención, Menor puxo en valor o papel fundamental que desempeñan os adestradores e adestradoras na formación das novas xeracións, destacando que “detrás de cada rapaz ou rapaza que entra nun campo hai alguén que lle ensina disciplina, compañeirismo, esforzo, respecto e capacidade para levantarse cando as cousas non saen ben”.
O presidente provincial subliñou que a Deputación de Ourense sente a Asociación Afiador “como algo moi propio”, non só pola colaboración institucional que ambas entidades manteñen desde hai décadas, senón tamén por compartir unha visión común do deporte como ferramenta educativa, social e humana.
Menor destacou a importancia dunha entidade que cumpre 35 anos de historia, pioneira en Galicia e convertida nun referente para o colectivo de adestradores. Neste sentido, felicitou á directiva encabezada por Roberto González polo traballo que está a desenvolver para fortalecer a formación continua, a representación e a dignificación da figura do adestrador.
O presidente provincial tamén quixo salientar a dimensión social da Asociación Afiador, lembrando iniciativas que desenvolve en colaboración con diferentes entidades e institucións, entre elas o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, así como o seu compromiso permanente coa formación e a defensa dos dereitos dos profesionais do fútbol base.
A gala contou coa presenza da presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño, e do director deportivo da entidade viguesa, Marco Garcés, aos que Luis Menor agradeceu a súa presenza como mostra do respecto e da consideración cara ao traballo que se desenvolve desde o fútbol base.
Lembranza especial para Luis Soria
Durante o acto tamén se rendeu homenaxe a diferentes figuras vinculadas ao fútbol ourensán e á propia asociación. O presidente da Deputación quixo ter un recordo especial para o fundador da entidade, Luis Soria, destacando o legado que deixou no fútbol da provincia e a súa contribución decisiva á creación dun espazo de encontro e crecemento para os adestradores.
Luis Menor felicitou aos homenaxeados desta edición e puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo de décadas por xeracións de adestradores, directivos e colaboradores que contribuíron a facer do fútbol unha auténtica escola de vida.
“O fútbol tamén é memoria, gratitude e recoñecemento a quen abriu camiño antes ca nós”, concluíu o presidente provincial, reafirmando o compromiso da Deputación co deporte base e co labor que desenvolven entidades como a Asociación Afiador en favor da formación e dos valores deportivos.

