A Deputación de Ourense rexistra 80 solicitudes de EmprendOU en Feminino na primeira semana de convocatoria

Redacción

A iniciativa, destinada a apoiar económicamente o emprendemento feminino na provincia, confirma o mellor arranque do programa desde a súa creación, cunha media de 10 solicitudes diarias

A Deputación de Ourense vén de rexistrar 80 solicitudes para participar na convocatoria EmprendOU en Feminino 2026 durante a primeira semana desde a apertura do prazo de presentación, un dato que confirma o excelente inicio desta edición e o crecente interese das emprendedoras ourensás por un programa destinado a impulsar a creación e consolidación de negocios liderados por mulleres.

O prazo de solicitude abriu o pasado 23 de xullo, tras a aprobación das bases pola Xunta de Goberno e a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e permanecerá aberto ata o 30 de outubro, agás que o crédito dispoñible se esgote con anterioridade. Desde o primeiro día mantense unha media de dez solicitudes diarias, un ritmo que non diminuíu coa chegada do mes de agosto.

Un impulso ao emprendemento feminino no rural

A convocatoria reserva o 75 % do crédito aos proxectos situados en concellos de menos de 20.000 habitantes, reforzando así a aposta da institución provincial polo emprendemento como ferramenta para dinamizar a economía local, favorecer a creación de emprego e contribuír á fixación de poboación no rural.

A Deputación considera que cada nova iniciativa empresarial promovida por unha muller representa unha oportunidade para fortalecer o tecido económico da provincia e consolidar servizos e actividade nos municipios con maiores retos demográficos.

Apoio económico e acompañamento

A convocatoria de 2026 conta cun orzamento de 150.000 euros. Cada proxecto beneficiario percibirá unha axuda fixa de 915,75 euros, equivalente ao 75 % do salario mínimo interprofesional, coa posibilidade dun importe complementario se, unha vez atendidas todas as solicitudes, existe dispoñibilidade orzamentaria.

Ademais, as emprendedoras que xa resultaron beneficiarias na edición de 2025 e manteñen a súa actividade dispoñen de tramitación preferente durante os primeiros 30 días hábiles do prazo de presentación, co obxectivo de favorecer a consolidación dos seus proxectos empresariais.

As participantes pasarán tamén a formar parte da Rede EmprendOU en Feminino, un espazo de colaboración que promove o intercambio de experiencias, a formación e a creación de sinerxías entre emprendedoras de toda a provincia.

Comparte este artigo