O presidente provincial, Luis Menor, agradeceu a entrega destes 511 kits que reforzan a dotación dos medios municipais para a loita contra os incendios en Ourense e que demostra “a responsabilidade e implicación absoluta destas entidades co noso territorio”
Cada kit está composto por unha mochila ríxida con lanza de dobre acción que expulsa auga de xeito continuo e un batelume para sufocar as chamas sobre o terreo, e que foron asignados a cada concello en función da súa extensión para garantir unha cobertura proporcional ás súas necesidades
A Deputación de Ourense xestiona a entrega que vén de facer ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, dos 511 equipos de extinción de incendios forestais aos municipais rurais da provincia de Ourense. No acto de entrega, que tivo lugar hoxe no Parque de Maquinaria da Deputación, participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director de ABANCA en Ourense, José María Jardón; e o coordinador de RSC e Sostibilidade de Afundación, José Manuel Mourelo; e o director de Banca Agro de ABANCA, Jesús Combarro, xunto a representantes de diferentes concellos da provincia que acudiron a recoller os seus equipos.
Os lotes subministrados foron deseñados especificamente para optimizar os labores de extinción en contornas rurais e facilitar unha actuación áxil antes da chegada dos servizos de emerxencia. Cada kit está composto por unha mochila ríxida con lanza de dobre acción que expulsa auga de xeito continuo e un batelume para sufocar as chamas sobre o terreo.
O número de kits por municipio determinouse en función da súa extensión, garantindo así unha cobertura proporcional ás necesidades de cada termo municipal. Este despregamento loxístico vai a protexer unha superficie total de máis de 7.187 quilómetros cadrados e a unha poboación rural que supera os 199.800 habitantes.
Na súa intervención, Luis Menor agradeceu esta entrega afirmando que demostra “a responsabilidade e implicación absoluta destas entidades co noso territorio” e apelou á colaboración de todos porque os incendios son “unha ameaza colectiva que esixe que aglutinemos esforzos desde todos os ámbitos da sociedade”.
O presidente provincial comprometeuse a seguir traballando na loita contra os incendios forestais e na protección do rural como “prioridade absoluta” asegurando que, aínda que non sexa unha competencia desta institución, é unha “obriga e unha responsabilidade facer da nosa provincia o lugar máis seguro posible”.
Neste sentido, cabe lembrar que a Deputación de Ourense conta con brigadas propias, con persoal dedicado e con maquinaria especializada. Ademais de ser a única deputación galega que mantén un convenio de colaboración coa Xunta para dotar de maquinaria para labores de prevención de incendios aos concellos da provincia.
Compromiso de ABANCA e Afundación co rural ourensán
O director territorial de ABANCA en Ourense, José María Jardón, destacou que “o compromiso de ABANCA co rural ourensán é absoluto. Quen traballamos pegados ao territorio sabemos que o monte é vida e economía para os nosos municipios, e con esta achega queremos que a primeira liña de defensa, que son os concellos, conte desde hoxe mesmo con ferramentas que permitan reaccionar con rapidez antes da chegada dos servizos de extinción”.
Pola súa banda, o coordinador de RSC e Sostibilidade de Afundación, José Manuel Mourelo, subliñou que “esta entrega demostra como a cooperación institucional multiplica o impacto da acción social. Desde Afundación canalizamos o esforzo deste plan no ámbito da prevención dotando aos municipios de materiais homologados e de alta calidade, reforzando a seguridade das persoas e do noso patrimonio natural”.

