A conferencia do artista terá lugar este martes, 9 de abril, ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez
A Deputación de Pontevedra lanza “Conversas con arte”, un ciclo de conferencias que arranca este martes, 9 de abril, ás 19:00 horas, co pintor natural de Forcarei José María Barreiro. A conferencia do artista terá lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial e contará coa apertura institucional do vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez e introdución á obra de Barreiro a cargo de Antón Castro.
“Conversas con arte” trátase dunha aposta persoal de Domínguez, quen a través do Museo de Pontevedra quere difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden na provincia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos nadas ou relacionadas con Pontevedra. Deste xeito, o ciclo que arranca da man de José María Barreiro, continuará nos vindeiros meses con outras figuras e artistas de impacto internacional con vínculo coa provincia.
José María Barreiro naceu en Forcarei, en 1940. En 1963 trasládase a París onde coñece e estudia a obra de Picasso, Duffy e Matisse. De regreso a Vigo, intégrase no ambiente intelectual da cidade e comparte estudo e casa, durante catro anos, con Urbano Lugrís, con quen desenvolve unha serie de proxectos murais. En 1969 trasládase a Bos Aires convidado por Laxeiro, onde coñece a Luis Seoane a aos pintores Rómulo Macció, Castagnino, López Claro e Betinelli. A partir de 1974 a súa actividade profesional vai en aumento e consolida unha linguaxe identificable e persoal. Ten exposto en cidades galegas como Pontevedra, Vigo, A Coruña e Santiago, pero tamén en diferentes puntos da xeografía estatal como Madrid, Barcelona, Marbella, Puerto Banús ou Valladolid, e do estranxeiro como Bos Aires (Arxentina), Niteroi (Brasil), Coimbra (Portugal) ou Chicago (Estados Unidos de América).

