A Deputación destina 180.000 € á Federación Galega de Balonmán para celebrar na provincia dous partidos internacionais das seleccións absolutas de balonmán

adminON

Luis López deu conta da aprobación da adxudicación do patrocinio dos encontros que traerán este domingo 7 de abril ás Guerreiras ao Porriño e o 8 de maio aos Hispanos a Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou en rolda de prensa de que a Xunta de Goberno acaba de aprobar a adxudicación da contratación do patrocinio para a celebración na provincia de dous partidos oficiais internacionais das seleccións absolutas masculina e feminina de balonmán esta primavera. López lembrou que o contrato ascende a 179.000 euros destinados á Federación Galega de Balonmán para celebrar estes dous encontros, o primeiro deles este domingo 7 de abril no Porriño e, o seguinte, o 8 de maio en Lalín.

O presidente provincial lembrou que a colaboración entre a Deputación e a Federación enmárcase no obxectivo do goberno provincial de “fomentar, promover e difundir o deporte, e sempre colaborando cos municipios para tratar de chegar a todos os recunchos da provincia”, xa que “este tipo de eventos fan que a provincia teña unha enorme visibilidade que se porá de manifesto nestes próximos meses”. De feito, sinalou, “acabámolo de comprobar o pasado xoves na celebración da final da Copa Galicia de Futsal feminino nas instalacións do Centro Príncipe Felipe, e seguirémolo vendo coa Volta Ciclista a España.

As Guerreiras, nome co que é coñecida a selección absoluta feminina, mediranse ao combinado de Acerbaixán nun encontro clasificatorio para o Campionato de Europa 2024 que terá lugar o 7 de abril no Porriño. Pola outra banda os Hispanos, alcume da selección absoluta masculina, enfrontaranse o 8 de maio a Serbia en Lalín no choque de ida dunha eliminatoria na que estará en xogo o billete para o Campionato do Mundo masculino do próximo 2025.

Comparte este artigo