A Deputación e a Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA) reforzan a súa colaboración para impulsar o colectivo na provincia

Redacción
Reunión Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación Ourense) con Ana Belén Fernández (Presidenta da Asociacón Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense - AEPA Ourense) acompañado de Jose Manuel Díaz Barreiro.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo coa nova presidenta deste colectivo profesional, Ana Belén Fernández Valado, acompañada polo secretario da entidade, José Manuel Díaz Barreiros, nunha reunión centrada na situación actual do colectivo autónomo da provincia e nas liñas de colaboración institucional para fortalecer o emprendemento e a actividade empresarial en Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu hoxe no Pazo Provincial á nova presidenta da Asociación Empresarial de Profesionales e Autónomos de Ourense (AEPA), Ana Belén Fernández Valado, acompañada polo secretario da entidade, José Manuel Díaz Barreiros, nun encontro de traballo no que se abordaron os principais retos e necesidades do colectivo autónomo da provincia.

Durante a reunión, Luis Menor felicitou á nova responsable da asociación pola súa recente elección e polo “intenso traballo desenvolvido nestes primeiros meses ao fronte da entidade”, destacando as iniciativas xa impulsadas en favor do sector autónomo.

O presidente provincial puxo en valor o peso específico do emprego autónomo na provincia, que conta actualmente en Ourense con 22.167 persoas autónomas rexistradas, cun incremento de 58 no último mes, representando . o emprego autónomo o 20,4 % do total da ocupación na provincia, unha cifra “amplamente superior á media nacional, situada no 13,7 %”.

“Estes datos evidencian a importante vocación emprendedora que existe en Ourense e marcan tamén o camiño no que debemos seguir traballando desde as institucións”, sinalou Luis Menor, quen incidiu na necesidade de continuar apoiando ao colectivo autónomo en ámbitos como a formación, a adaptación normativa, a fiscalidade ou a promoción da actividade económica.

Neste sentido, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso da institución provincial coa AEPA, lembrando que este mesmo ano xa se iniciou unha colaboración coa asociación para contribuír ao seu funcionamento e ás actividades que desenvolve en favor dos profesionais autónomos da provincia.

“Queremos que Ourense sexa unha referencia no ámbito do traballo autónomo, porque contamos cun punto de partida sólido e cun colectivo dinámico e fundamental para o desenvolvemento económico e social do territorio”, afirmou Menor.

Pola súa banda, Ana Belén Fernández Valado agradeceu a disposición da Deputación de Ourense e destacou a importancia de que os máis de 22.000 autónomos da provincia conten cun espazo de referencia desde o que canalizar as súas demandas e necesidades.

A presidenta da AEPA explicou que a asociación traballa para converterse “nun punto de encontro para os autónomos de toda a provincia”, co obxectivo de trasladar ás distintas administracións as súas propostas e contribuír á busca de solucións que favorezan o fortalecemento e a competitividade do colectivo.

Comparte este artigo