A Deputación esixe á Xunta que retire o decreto que pecha os centros de saúde os sábados e sobrecarga os PAC

Redacción

– O Pleno ordinario do mes de xuño aprobou unha moción socialista para instar ao Goberno galego a recuperar a atención sanitaria no rural, abrir un proceso de diálogo cos profesionais e reforzar os servizos, especialmente durante o verán

– “Estamos ante un novo golpe á sanidade pública e á atención de proximidade”, valorou a Presidenta, para quen “non é aceptable que a solución aos problemas da atención primaria pasen por cerrar consultas e trasladar toda a presión aos PAC”

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes reclamarlle á Xunta de Galicia a retirada do decreto que modifica a organización da atención primaria os sábados en horario de mañá. Unha medida que supón, na práctica, o peche de centros de saúde, unha maior presión asistencial sobre os Puntos de Atención informContinuada (PAC) e un novo retroceso da sanidade pública no rural.

Así se acordou tras unha moción socialista aprobada co apoio do BNG e o Deputado non adscrito, e cos únicos votos en contra do PP.

“Estamos ante un novo golpe á sanidade pública e á atención de proximidade”, valorou a Presidenta da institución provincial, Carmela López, antes de entrar á sesión plenaria. “Falta planificación, sabemos que a poboación se triplica en moitísimas comarcas e non é aceptable que a solución aos problemas estruturais da atención primaria pase por cerrar consultas e trasladar toda a presión aos PAC”, engadiu.

Na defensa da iniciativa, o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, denunciou que o decreto foi aprobado sen diálogo cos profesionais sanitarios e que concentra a atención nos PAC sen reforzar os cadros de persoal nin os recursos dispoñibles. Tamén advertiu de que modifica de maneira unilateral as condicións laborais dos profesionais e agrava a sobrecarga dun servizo que xa sofre unha importante falta de persoal.

Cajoto lembrou que a medida foi rexeitada polos propios profesionais sanitarios e puxo como exemplo as dificultades de acceso á atención urxente en concellos como Friol, onde a veciñanza debe desprazarse a Lugo, Guitiriz, Palas de Rei, Outeiro de Rei ou Guntín. Ademais, sinalou que, segundo o Consello de Contas, un de cada tres profesionais do sistema sanitario galego ten un contrato eventual, unha porcentaxe que ascende ao 40 % no caso do persoal de enfermaría.

Coa aprobación da moción, a Deputación insta á Xunta a retirar o decreto, recuperar o modelo anterior de atención sanitaria os sábados e evitar o peche de centros de saúde e a ampliación forzosa dos horarios nos PAC. Tamén reclama a creación dun grupo de traballo cos profesionais para avaliar as necesidades do servizo, reforzar a atención sanitaria no rural e poñer en marcha un plan específico para atender o incremento de poboación durante os meses de verán.

Demanda dun plan estratéxico de servizos sociais

A Deputación de Lugo tamén demandará á Xunta de Galicia un plan estratéxico de servizos sociais e a transparencia no seu financiamento e no do sistema galego de dependencia. A medida quedou tamén aprobada no Pleno celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha moción socialista que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG, BNG e o Deputado non adscrito e os votos en contra do PP.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, sinalou na sesión plenaria que o envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica ou a maior lonxevidade das persoas están a incrementar as necesidades asistenciais das persoas maiores e dependentes de toda Galicia. Unha situación que se ve agravada polas “importantes” carencias en materia de planificación, coordinación e financiamento como evidencian as cifras oficiais.

Nese sentido destacou que segundo o Observatorio Estatal de Dependencia, Galicia é unha das comunidades autónomas con menor investimento por persoa potencialmente dependente. Así mesmo, recalcou que os informes da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en servizos sociais revelan que Galicia investiu no 2025 unha media de 1.490 euros por persoa dependente fronte aos 3.102 euros do País Vasco, os 2.757 euros de Extremadura,  os 2.632 euros de Baleares, ou os 2.578 euros de Navarra.

A iniciativa aprobada inclúe instar á Xunta a elaborar e aprobar o Plan Estratéxico de Servizos Sociais de Galicia previsto por Lei; presentar un informe detallado e público sobre as achegas económicas destinadas ao financiamento do sistema de dependencia en Lugo entre o 2012 e o 2025; a que reforce o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar; e a desenvolver unha planificación real e coordinada de prazas residenciais e recursos sociais.

Comparte este artigo