O Concello de Soutomaior presenta á veciñanza o proxecto de mellora da accesibilidade no barrio de Aranza, cun investimento inicial de 200.000 euros

Redacción

A primeira fase das actuacións está prevista para comezos de 2027 e permitirá que máis da metade da poboación do barrio teña acceso a través de vías transitables para os vehículos de emerxencia.

O Concello de Soutomaior presentou á veciñanza o proxecto de mellora da accesibilidade en diferentes puntos do barrio de Aranza. Na reunión participaron o alcalde, Manu Lourenzo; o concelleiro de Obras, Pablo Garrido; e os enxeñeiros da empresa ENURCOIN, Enrique Urcola e Quique Urcola, encargada da redacción do proxecto.
O encontro serviu para explicar as actuacións previstas e, ao mesmo tempo, escoitar as necesidades e peticións das persoas residentes. As achegas trasladadas pola veciñanza foron recollidas e tidas en conta de cara ao desenvolvemento da intervención, co obxectivo de adaptar as solucións técnicas á realidade do barrio.
O proxecto contempla unha primeira fase cun investimento de 200.000 euros, cuxo inicio está previsto para comezos de 2027. Esta primeira intervención permitirá avanzar de maneira significativa na mellora da accesibilidade, de xeito que máis da metade da poboación de Aranza poida contar con acceso para os vehículos de emerxencia.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia desta actuación para atender unha demanda fundamental da veciñanza: «Estamos a falar dunha intervención necesaria para mellorar a seguridade e a accesibilidade en Aranza, especialmente para garantir que os servizos de emerxencia poidan chegar á maior parte da poboación. Queremos avanzar con solucións concretas, escoitando as persoas que viven aquí e coñecen de primeira man as necesidades do barrio».
Lourenzo subliñou tamén a importancia da reunión mantida coa veciñanza: «As peticións e achegas dos veciños e veciñas son fundamentais para definir as actuacións. O obxectivo é que o proxecto responda ás necesidades reais de Aranza e permita mellorar progresivamente as condicións de acceso e seguridade».
Ampliación dos camiños, mellora do firme e nova sinalización
O proxecto parte dunha análise das necesidades existentes en diferentes vías do barrio, caracterizadas nalgúns puntos pola súa estreiteza e polo deterioro do firme. A intervención céntrase en seis actuacións destinadas a mellorar tanto a accesibilidade peonil como a circulación de vehículos, tendo en conta a dispoñibilidade dos terreos necesarios.
Entre as principais medidas previstas atópanse a ampliación da sección dos camiños nos puntos onde sexa posible, o retranqueo de muros para gañar espazo de paso, a rehabilitación do firme e do pavimento e a mellora da sinalización horizontal.
Estas actuacións buscan incrementar a seguridade viaria, facilitar os desprazamentos diarios da veciñanza e mellorar as condicións de acceso de ambulancias e doutros servizos de emerxencia.
A intervención desenvolverase por fases, permitindo avanzar progresivamente na resolución dos problemas de accesibilidade do barrio. Con esta primeira actuación, o Concello dá un paso importante para mellorar as comunicacións interiores de Aranza e ofrecer unhas vías máis seguras e funcionais para residentes e servizos públicos.

Comparte este artigo