A Deputación inaugura no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición Romiña, da artista Reme Remedios

Redacción

A mostra, comisariada por Marita Carmona, poderá visitarse ata o vindeiro 30 de agosto, tal e como explicou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, no acto de inauguración e reúne pintura, debuxo, instalación, obra téxtil, vídeo e novas creacións realizadas expresamente para este proxecto

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense inaugura esta tarde, ás 19.30 horas, a exposición Romiña, da artista ourensá Reme Remedios, unha proposta artística que convida a realizar unha viaxe emocional, simbólica e vital aos territorios da memoria, da natureza e da identidade persoal. A mostra, comisariada por Marita Carmona, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 30 de agosto, tal e como explicou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, encargado de presidir o acto de inauguración.

A exposición toma o seu nome da aldea da Romiña, situada na parroquia de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, lugar de nacemento da artista e espazo fundamental no seu universo creativo. A partir deste territorio físico e emocional, Reme Remedios constrúe un percorrido que reúne pintura, debuxo, instalación, obra téxtil, vídeo e novas pezas creadas especificamente para esta ocasión.

As obras presentadas achegan ao visitante imaxes, experiencias e símbolos que acompañan á creadora desde hai anos e que son revisitados desde unha mirada contemporánea, abrindo novas reflexións arredor dos procesos da vida, da morte, da memoria, das esperanzas, da natureza e da presenza animal. A mostra destaca pola liberdade formal da súa proposta, pola súa potencia simbólica e pola capacidade da artista para transformar a experiencia vital en imaxe, materia e emoción.

Reme Remedios, nada en 1972 na Romiña, desenvolveu ao longo da súa traxectoria unha linguaxe artística singular, profundamente vinculada á paisaxe, á tradición e aos relatos íntimos que conforman a súa biografía. Tal e como sinala Luis García Martínez, director de arte do Instituto Leonés de Cultura, o territorio de Casaio e do Teixadal constitúe unha das principais fontes de inspiración dunha obra marcada pola conexión coa natureza e coas raíces familiares.

Con esta nova proposta expositiva, o Centro Cultural Marcos Valcárcel continúa a súa aposta por achegar ao público o traballo de creadores e creadoras de referencia da arte contemporánea galega, converténdose nun espazo de encontro entre a creación artística, a reflexión e a cidadanía.

Comparte este artigo