HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva a Vila de Cruces o programa +Música cunha actuación...

A Deputación leva a Vila de Cruces o programa +Música cunha actuación de Blues do País e o Sindicato da Verbena

- Anuncio -spot_img

O grupo actuará este xoves 7 de agosto na Praza do Concello ás 20:00 horas

+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

Deputación de Pontevedra leva este xoves 7 de agosto a Vila de Cruces un concerto de Blues do País e o Sindicato da Verbena enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Praza do Concello ás 20:00 horas.

Blues do País e o Sindicato da Verbena versionan clásicos do blues, soul ou o rhythm and blues e adáptanos á idiosincrasia e retranca galegas: Otis Redding no peirao da Coruña, Etta James mariscando en Cabo da Cruz, B.B. King nun furancho en Redondela ou Eric Clapton lendo a Castelao. Trátase de música de calidade, en galego, mesturada con teatro, clown e improvisación. Desde o seu nacemento en 2014 a formación ten xirado por diferentes puntos da xeografía galega e no escenario de Vila de Cruces volverá coa súa habitual enerxía.

O concerto de Blues do País e o Sindicato da Verbena é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

Publicacións Relacionadas