O espectáculo infantil poderá verse ás 12:00 horas no auditorio municipal Xosé Casal
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 29 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Vila de Cruces o espectáculo de teatro infantil “Cucú Tastás”, de Títeres Cachirulo. A función comezará ás 12:00 horas no auditorio municipal Xosé Casal, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.
“Cucú Tastás” é un espectáculo para bebés a partir dos 6 meses, malia que tamén poden asistir nenos e nenas ata os 5 anos. Coa idea de “co revés imos xogar”, a función abrangue conceptos sinxelos de opostos para potenciar a capacidade de atención dos máis pequenos da casa. A personaxe de Cucú Tastás é un trasno que quere facer as cousas ben e non confundir entre cheo e baleiro, arriba e abaixo, preto e lonxe ou pequeno e grande, e aprenderá a distinguilos grazas á súa familia e amigos neste espectáculo visual e musical de arredor de 45 minutos de duración.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.