A Deputación mobiliza máis de 1,2 millóns de euros e realiza a maior aposta da súa historia polo terceiro sector, cun incremento superior ao 70% nas axudas sociais

Redacción

A Xunta de Goberno aproba 29 asuntos por importe de 1.204.755,62 euros, dos que 461.558,24 destínanse a 58 entidades sociais sen ánimo de lucro

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe un total de 29 asuntos, mobilizando 1.204.755,62 euros para fortalecer a cooperación cos concellos e apoiar o tecido social, cultural, deportivo e económico da provincia.

A principal decisión adoptada na sesión foi a resolución da convocatoria pública de subvencións para entidades sociais sen ánimo de lucro, que este ano representa a maior aposta realizada pola Deputación de Ourense polo terceiro sector, cun incremento orzamentario superior ao 70 % respecto das convocatorias anteriores.

En total, a institución provincial destina 461.558,24 euros a 58 entidades sociais, que desenvolverán proxectos dirixidos á atención das persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia, persoas con enfermidades crónicas e raras, saúde mental, inserción laboral, igualdade, inclusión social e acompañamento a colectivos especialmente vulnerables.

Trátase, destacou o presidente provincial, Luis Menor, dunha mostra máis da sensibilidade da Deputación con quen máis o precisa e do compromiso da institución coas entidades que realizan un traballo esencial de proximidade, chegando cada día a milleiros de persoas en toda a provincia.

As entidades beneficiarias desta convocatoria son: ARELA; Fundación Amigos de la Barrera; CDR Portas Abertas; Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca da Limia (Algaria); FEAFES Galicia; Cáritas Diocesana de Ourense; Down Ourense; Asociación Galega de Hemofilia (AGADHEMO); Asociación Galega de Fibrose Quística; Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES); ASEM Galicia; Asociación de Veciños e Mulleres Rurais San Adrián; Asociación de Mulleres Escola Rural de Saúde da Limia; Asociación Tranquilamente; Fundación ECCA Social; Asociación de Familiares e Enfermos Mentais Morea; Asociación Andrea; Fundación Secretariado Gitano; Fundación Neuroburgas; Fundación Juan Soñador; Asociación Galega de Lupus (AGAL); FEMURO; Asociación Renacer; CIMO; ASOTRAME; AODEMPER; Apoyo Positivo; Fundación Amaranta; Asociación Trascos; Comité Cidadán Antisida de Ourense; ALCER Ourense; Asociación Española Contra o Cancro; DISCAFIS; Asociación Xarela; Asociación de Mulleres Algueirada de Manzaneda; Diversidades Acolle; RedMadre Ourense; Valoresc Innovation; Agrupación de Asociacións Veciñais do Rural e Periferia Miño; Asociación Xuvenil Amencer; Fundación Renal Española; FADEMGA Plena Inclusión Galicia; Asociación Diabética Auria; Fundación Amigos de Galicia; Xeracción Sociedade Cooperativa Galega; Asociación Veciñal As Termas; Asociación LIMISI; Asociación Galega de Linfedema; Asociación Viúdas María Andrea; AFFOU; IGAXES; CDR O Viso; ACCU Ourense; ATNSASTG; Asociación Autismo ApúntasTE; ACEGA; Asociación Provivienda e Asociación Veciñal Rabo de Galo.

Apoio ao tecido asociativo da provincia

Ademais desta convocatoria, a Xunta de Goberno aprobou novas colaboracións con entidades de diferentes ámbitos.

No eido social, a Deputación concede 50.000 euros a COGAMI, 50.000 euros a Cruz Vermella para gastos de funcionamento e actividades, 15.000 euros a Cruz Vermella para o seu programa de intervención coa infancia e 30.000 euros a Cáritas Ourense para o programa de axudas á alimentación.

No ámbito cultural, aprobáronse 5.000 euros para a Agrupación de Libreiros de Ourense, 5.000 euros para a Comisión da Festa do Chuletón de Garabás, 15.000 euros para a Unión Musical de Allariz, 12.000 euros para a Asociación Cultural Xan de Arzúa e 5.000 euros para o Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

No ámbito deportivo, a Deputación destina 8.000 euros ao Club Hóckey Barrocás, 15.000 euros ao Club Deportivo Arnoia e 12.000 euros á Escola Balonmán Ribeiro.

Pola súa banda, no ámbito económico e agroalimentario apróbanse 5.000 euros para ASAGA, 45.000 euros para o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e 45.000 euros para a Confederación Empresarial de Ourense, destinados a programas de transformación dixital do sector agrario, apoio ao sector vitivinícola e inserción laboral de mulleres maiores de 45 anos.

Cooperación cos concellos e coas mancomunidades

No ámbito da cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais correspondentes aos concellos de Parada do Sil e Sandiás, adaptando as actuacións ás necesidades trasladadas por ambos os municipios.

A sesión tamén reforzou o apoio ás mancomunidades, aprobando 150.000 euros, distribuídos do seguinte xeito: 50.000 euros para a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras; 50.000 euros para a Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense; e 50.000 euros para a Mancomunidade de Concellos do Carballiño.

Así mesmo, aprobáronse colaboracións directas con concellos da provincia para mellorar servizos públicos e infraestruturas municipais: 50.000 euros para o Concello do Barco de Valdeorras, o Concello do Carballiño e o Concello de Xinzo de Limia, destinados ao funcionamento dos seus respectivos conservatorios de música.

Tamén se consignaron 18.000 euros para o Concello de Taboadela, destinados á organización da Semana Cultural 2026; 6.000 euros para o Concello de Vilamarín, para o mantemento do campo de fútbol municipal; 28.000 euros para o Concello de Xunqueira de Espadanedo, destinados ao funcionamento do Museo da Alfarería; 4.197,38 euros para o Concello de Bande, destinados á recuperación de elementos etnográficos tradicionais na parroquia de Calvos; e 70.000 euros para o Concello do Irixo, destinados á construción dunha nave para almacén municipal.

Luis Menor destacou que estes acordos “reflicten unha vez máis o compromiso da Deputación de Ourense coas persoas, cos concellos e co tecido asociativo da provincia, reforzando os servizos públicos, a cohesión territorial e o apoio ás entidades que contribúen ao benestar e ao desenvolvemento de Ourense”.

Comparte este artigo