HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica...

A Deputación organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

- Anuncio -spot_img

Entre o 1 e o 3 de xullo realizaranse accións telemáticas arredor de asuntos como o márketing dixital, o comercio electrónico ou o deseño 3D

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e con inscrición previa, celebraranse entre o martes 1 e o xoves 3 de xullo e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como o deseño 3D, o comercio electrónico ou o márketing dixital, entre outras.

O martes 1 de xullo celebrarase o obradoiro en liña “Impresión 3D no 2025, Slicers actuales 2/4, accións avanzadas”, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Barros-Meis. Os participantes aprenderán a dominar os slicers coa configuración avanzada para sacarlle o máximo partido as súas impresións 3D. Será impartido por Manuel Tornos, asesor do Centro de Educación e Formación de Barro-Meis con máis de 30 anos de experiencia en TIC, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

O mércores 2 de xullo, en formato telemático ás 11:00 horas, terá lugar o obradoiro “Woocommerce:A solución que buscabas para vender por Internet” coordinado pola oficina de Cambados. Na sesión ensinarase a crear unha tenda en liña instalando esta ferramenta, dando a coñecer todas as súas características, pasarelas e formas de pago. Así mesmo, Jose Luis Taboada, asesor na propia oficina con máis de 25 anos de experiencia no sector e especialista en sistemas informáticos, afondará en como engadir produtos e xestionar pedidos. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

Por último, o xoves 3 de xullo a Deputación organiza ás 12:00 horas o obradoiro tamén telemático “O teu plan de márketing dixital paso a paso”, da man da oficina de Pontevedra. Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e cunha ampla traxectoria profesional asesorando a empresas no ámbito da comunicación e do márketing dixital, amosará que é un plan de márketing dixital, a súa importancia para conseguir bos resultados na contorna en liña e como crealo a partir dun exemplo real. As persoas interesadas pódense inscribir no seguinte formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

Publicacións Relacionadas