A Deputación pecha este xoves da man da astrofísica da NASA Begoña Vila o programa de pódcasts “Ciencia en feminino”

adminON
Lectura mínima de 3

A conferencia poderá seguirse a través de GCiencia e das súas plataformas de Facebook e Youtube, así como de Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts

A Deputación de Pontevedra ofrece este xoves o último dos encontros do ciclo “Ciencia en feminino”, o programa de pódcast e videopódcast que promove xunto a GCiencia para reivindicar o papel da muller na ciencia e na investigación. Nesta ocasión, a astrofísica especializada no estudo de galaxias que traballa como enxeñeira de sistemas na NASA, Begoña Vila, centrarase nos teitos de cristal na ciencia e na tecnoloxía. A conferencia poderá seguirse, ao igual que o resto de encontros do ciclo “Ciencia en feminino”, a través da web de GCiencia e das súas plataformas de Facebook, Youtube, Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts.

Begoña Vila reside en Washington D.C. e é a encargada de controlar que o telescopio James Webb teña a máxima precisión na toma de imaxes. Foi premiada pola NASA en 2016 coa medalla Exceptional Public Achievement Medal pola súa contribución ao desenvolvemento da Axencia Espacial e en 2022 coa Exceptional Public Service Medal. Recibiu tamén, entre outros recoñecementos, o premio Josefa Wonenburger da Xunta de Galicia.

O ciclo “Ciencia en Feminino”, que está a impulsar a Deputación de Pontevedra ao abeiro da campaña “Seguimos con todas e para todas”, deseñada para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, ofrece en total dúas charlas coloquio e dúas conferencias sobre, entre outras cuestións, as vocacións femininas, o emprendemento na ciencia, a investigación no estranxeiro ou os teitos de cristal. A de Vila é a segunda das conferencias trala que impartiu Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga e CEO de Hifas da Terra sobre emprendemento en feminino no ámbito científico.

No que respecta ás charlas coloquio, a primeira delas centrouse nas vocacións femininas e foi protagonizada por Alicia Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños; Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña. O segundo coloquio afondou na investigación no estranxeiro e nel participaron as investigadoras Raquel Lama, experta en viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, no cambio climático en California, e Carmen Figueiras, que investiga sobre a gripe en Londres.

Comparte este artigo