“Ningún día mellor ca este para pechar Mulleres de palabra(s), porque precisamos poñer no centro e reivindicar o labor literario das mulleres e avanzar na construción dun mundo igualitario”, subliñou a deputada de Igualdade Paula Bouzós
Bouzós puxo en valor este programa “xurdido para reivindicar o legado das escritoras, dirixindo a mirada ás palabras coas que contan o mundo con perspectiva de xénero e poñendo en valor o seu papel para, así, poder construír referentes”
A Deputación acaba de pechar no Salón de Plenos do Pazo provincial o programa Mulleres de palabra(s) celebrando o Día das Escritoras con María Oruña, Arantza Portabales e Susana Fortes. A deputada de Igualdade Paula Bouzós subliñou que “ningún día mellor ca este para pechar Mulleres de palabra(s), porque precisamos poñer no centro e reivindicar o labor literario das mulleres e avanzar na construción dun mundo igualitario”.
Bouzós, que agradeceu a María Oruña, Arantza Portabales e Susana Fortes a súa disposición e colaboración coa Deputación, puxo en valor a “complicidade e proximidade” das escritoras “por compartir este obxectivo con nós e por ser tres mulleres que estades a definir o panorama literario actual, cunha voz propia e de moito peso nas nosas letras”. Tamén aproveitou para reivindicar a importancia de ler mulleres ante a ausencia de equidade no mercado editorial: “Lede as nosas historias, escoitade as nosas voces, porque temos moito que dicir e moito que contar”.
Mulleres de palabra(s) arrancou en marzo deste mesmo 2025 co obxectivo de “reivindicar o legado das escritoras, dirixindo a mirada ás palabras coas que contan o mundo con perspectiva de xénero e poñendo en valor o seu papel para, así, poder construír referentes”, tal e como subliñou a deputada. O programa arrancou na sede da Deputación en Vigo o 21 de marzo, nunha xornada na que se festexou o Día da Poesía con Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta. Desde aquela, a iniciativa provincial percorreu os concellos da Guarda, Sanxenxo, Pontevedra e A Lama da man de escritoras como Guada Guerra, Lara Dopazo, Andrea Fernández, Ledicia Costas, Fina Casalderrey, Eva Mejuto, Diana López Varela, Maritza Berttolini, Dore Tembrás e Antía Otero.



