A Deputación reafirma o seu compromiso co turismo de excelencia coa entrega de distintivos SICTED a 25 servizos en “Ourense Termal”

Redacción

O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na entrega destas certificacións, no Parque Municipal do Carballiño, onde puxo en valor a cooperación público-privada para ofrecer “un destino de calidade certificado, sostible e respectuoso coa súa contorna” 

O Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” da Deputación, xestionado polo Inorde e cofinanciado pola Xunta e a Secretaría de Estado de Turismo, ten permitido poñer en marcha tamén produtos e experiencias combinando o termalismo con outros recursos como a enogastronomía ou a natureza e o patrimonio

A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso co turismo de excelencia coa entrega dos distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) a 25 servizos turísticos a través do PSTD en “Ourense Termal”. 

O presidente provincial, Luis Menor, presidiu hoxe no Parque Municipal do Carballiño este acto de entrega no que tamén participou o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o tenente de alcalde do Carballiño, Pepe Castro; e a xerente do Inorde, Emma González.

Na súa intervención, Luis Menor puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para ofrecer “un destino de calidade certificado, sostible e respectuoso coa súa contorna” e comprometeuse  co tecido empresarial a continuar mobilizando recursos, facilitando ferramentas de formación, mellorando os espazos termais dos concellos e promocionando a “marca Ourense” tanto nos mercados nacionais como nos internacionais. 

Desde a Deputación lévase anos a traballar nunha estratexia turística integral para poder ofrecer aos visitantes “unha experiencia completa, única e auténtica” que aposta pola “excelencia fronte a un destino masificado, que respecta o medio ambiente, coida o patrimonio e mima o comercio local”, insistiu Menor.

PSTD en “Ourense Termal”

Neste sentido, puxo como exemplo o Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, liderado pola Deputación a través da xerencia do Inorde e cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, ten permitido poñer en marcha tamén produtos e experiencias combinando o termalismo con outros recursos como a enogastronomía ou a natureza e o patrimonio.

Algunhas das iniciativas realizadas no marco deste PSTD son a posta en marcha das Rutas Fluviais con ecobarcos que teñen unha importante incidencia precisamente neste xeodestino Ribeiro-Carballiño, ou as melloras en sendeiros como o de Ribadavia, a protección do afloramento da “Fonte de Arcos” en O Bañiño, os avances para completar a oferta do balneario de Cortegada, a creación da terma adaptada en Punxín, entre outras actividades como o programa de formación para o emprendemento.  

25 distintivos de calidade

Dos 25 servizos turísticos distinguidos hoxe, tres deles (Oficina Municipal de Lobios, Apartamento a “Fonte dos Xudíos” de Ribadavia e Aparthotel Arenteiro do Carballiño) renovaron esta certificación e os outros 22 son novos: Abadía Caldaria de Arnoia, Albergue AVIVA de Muíños, As Fontaiñas de Leiro, Autos González de Ourense, BRIMOCARS de Ourense, Casa Habana do Carballiño, Casa Vacacional A Forneira de Leiro, Casa Velasca do Carballiño, CienPorCel de Cenlle, Gandarela.es de Cenlle, Gorrión Taxista de Ribadavia, Hotel Restaurante Derby de Carballiño, LEBOREIRO-XURÉS (Autos Perdiz) de Muíños, Loft Corte de Fora de Punxín, Mercado Xurés de Bande, Mirabeles Lifestyle de Ourense, O Rincón dos Sentidos de Cenlle, Pazo Almuzara de Boborás, Piso Libertad de Ourense, Tapería Mercado do Xurés de Bande, Viajes Miño de Ourense e Viña Costeira de Ribadavia.

O presidente provincial agradeceu aos servizos turísticos distinguidos o seu traballo e destacou  o mérito de superar “un proceso tan esixente e rigoroso como o do SICTED” e que contribúe a que toda a marca “Ourense” sexa “máis forte, competittiva e prestixiosa”.

Comparte este artigo