– A Presidenta, Carmela López, asinou co Alcalde lancarés, Darío Piñeiro, un acordo que permitirá actuar en seis núcleos do concello e comprobou o avance doutros investimentos provinciais en infraestruturas e espazos públicos
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de realizar unha visita institucional ao Concello de Láncara xunto ao Alcalde, Darío Piñeiro, na que puxo en valor a colaboración entre ambas administracións para seguir impulsando investimentos que contribúan a mellorar os servizos públicos, as infraestruturas e a calidade de vida da veciñanza. A xornada serviu para formalizar un novo convenio de colaboración destinado á mellora da rede viaria municipal e para comprobar sobre o terreo o resultado de diferentes actuacións executadas ou previstas grazas ao apoio da institución provincial.
O acto central da visita foi a sinatura dun novo convenio interadministrativo entre a Deputación de Lugo e o Concello de Láncara para acometer novas obras de mellora da rede de camiños municipais. O acordo supón un investimento total de 263.806,80 euros, dos que a institución provincial 250.000 euros. As obras permitirán acondicionar vías nas parroquias de Pedreira, Láncara, Trasliste, Vilar de Toirán, Ronfe e Vilambrán, mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e as comunicacións entre os distintos núcleos do municipio.
Durante a sinatura, Carmela López destacou que este convenio “é un exemplo da forma de traballar da Deputación, baseada na cooperación permanente cos concellos para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza”. A Presidenta lembrou que a rede viaria municipal é unha infraestrutura esencial para garantir a mobilidade diaria da poboación, facilitar a actividade económica vinculada ao sector primario e mellorar a conexión entre os distintos lugares do territorio.
Neste sentido, subliñou que “cada investimento que realizamos nos concellos ten un impacto directo na vida das persoas. Mellorar un camiño significa facer máis seguros os desprazamentos, facilitar o acceso ás explotacións agrogandeiras, aos servizos públicos e ás vivendas, ademais de contribuír a fixar poboación no rural”. Carmela López incidiu tamén en que “a colaboración institucional permite optimizar os recursos públicos e executar actuacións que, en moitos casos, serían difíciles de asumir unicamente cos orzamentos municipais”.
Melloras no Paseo da Estación
Tras a sinatura do convenio, a Presidenta percorreu o Paseo da Estación para comprobar o resultado dos traballos realizados coa colaboración do Parque Móbil da Deputación e cun obradoiro de emprego. A actuación, xa rematada, permitiu acondicionar este espazo público mediante a achega de maquinaria e medios propios da institución provincial, contribuíndo á súa mellora e posta en valor para o desfrute da veciñanza.
Carmela López destacou que este tipo de colaboracións demostran “a utilidade dun servizo como o Parque Móbil Provincial, que permite dar resposta de maneira áxil ás necesidades dos concellos e executar actuacións que melloran os espazos públicos sen incrementar os custos para as administracións locais”.
A visita continuou nos accesos ao polígono industrial da Pobra de San Xiao, onde a Presidenta coñeceu o proxecto de pavimentación previsto ao abeiro dun convenio interadministrativo da Deputación dotado con 50.000 euros. A actuación permitirá renovar o firme dos accesos á área empresarial, mellorando a seguridade e a funcionalidade dunha infraestrutura clave para a implantación e consolidación de empresas no municipio.
Un novo acceso á praia fluvial da Pobra de San Xiao
A xornada concluíu coa supervisión da nova rúa de acceso á praia fluvial da Pobra de San Xiao, unha actuación executada a través do Plan Deputación 2025 cun investimento de 69.000 euros, dos que 60.000 euros foron financiados pola institución provincial. As obras permitiron humanizar os accesos á área recreativa, favorecendo unha mobilidade máis cómoda e segura tanto para peóns como para vehículos e mellorando a integración urbana deste espazo de lecer.

