– Os traballos contan con 330.000€ de fondos provinciais e avanzan co estendido de aglomerado na LU-P-6401, que conecta as parroquias de Suegos e Falcoeira; e na LU-P-6402, que vai da capitalidade do municipio a Cristo de Portapena por Cruz da Pardiñeira
A Deputación de Lugo está a rehabilitar no Vicedo dúas estradas provinciais que son fundamentais para as comunicacións do municipio. Trátase da LU-P-6401, que une as parroquias de Suegos e Falcoeira, e da LU-P-6402, que vai da capitalidade do municipio a Cristo de Portapena por Cruz da Pardiñeira. Os traballos avanzan estes días co estendido de aglomerado en quente e inclúen tamén a mellora da drenaxe e a rehabilitación do ramal que as conecta.
Carfelo SL é a empresa encargada das actuacións, que con preto de 330.000€ de fondos provinciais, servirán para rehabilitar a zona na que conflúen estas dúas vías provinciais, ao norte do municipio. Concretamente, os traballos da Deputación renovarán os tres primeiros quilómetros da LU-P-6401 –do 0,6 ao 3,2- que enlazan coa estrada autonómica LU-862; e o treito final da LU-P-6402 –do punto quilométrico 17,1 ao 19,3- á altura da parroquia de Negradas, onde a vía conecta coa LU-P-6401 a través dun ramal de 1,164 quilómetros que tamén se mellorará na súa totalidade.
No Vicedo ademais, a Deputación está a acondicionar a LU-P-6405 con outros 136.000€ en dous tramos da vía. En concreto, esta estrada provincial vai desde a vila ata o Alto de Moreiras por Vilasuso. O proxecto inclúe o acondicionamento dun tramo de máis de 700 metros, do quilómetro 1,400 ao 2,155; e dun segundo treito, que supera o quilómetro, entre o 3,493 ao 4,693.

